Un "Museo portátil" creado por docentes do campus mestura arte e natureza no Salón do Libro

Pontevedra
06 de maio 2021

Este elemento foi elaborado polas profesoras Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Covadonga Barreiro, das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes, en colaboración coa asociación Paspallás para a edición deste ano centrada na temática Emerxencia literaria! Os libros salvan o planeta

O 'Museo portátil' no Salón do Libro
O 'Museo portátil' no Salón do Libro / DUVI

As profesoras Begoña Paz, Itziar  Ezquieta e María Covadonga Barreiro, profesoras das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Belas Artes, son as creadoras do Museo portátil que se pode ver durante estes días no XXII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura. O traballo foi elaborado en colaboración coa asociación  Paspallás, segundo se recolle no DUVI.

Para a súa elaboración tívose en conta a temática 'Emerxencia literaria! Os libros salvan o planeta' e por este motivo utilízanse pequenas pezas como fotografías, pezas escultóricas, obras pictóricas e publicacións para, a través desta estrutura móbil, poder desprazarse e mostrar contidos que combinan a natureza coa arte.

Este elemento denomínase 'O recuncho da arte'  e conta con pequenas esculturas creadas con elementos tomados na praia con restos de barco. Segundo Begoña Paz se trata dunha reinterpretación do cadro de Caspar David Friedrich que ten por título 'O camiñante sobre o mar de nubes', onde se mostran postais de viaxe para reflexionar sobre os efectos do turismo no medio ambiente.

Tamén no Salón do Libro é posible observar un vídeo didáctico do alumnado de Belas Artes que se difunde en redes sociais baixo o título 'Debuxeto', orientado a escolares.

Arquivado en