Un mural para lembrar a estadía de Maruja Mallo en Beluso no ano 1936

Bueu
18 de xullo 2017

A Deputación Provincial toma como referencia para a creación deste mural unha ilustración de Polo Correo do Vento coa artista pintando no 'Caderno de Beluso'  b>en compaña de Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas

Mural homenaxe a Maruja Mallo en Beluso
Mural homenaxe a Maruja Mallo en Beluso / Deputación de Pontevedra

Desde este martes, a Casa do Pobo de Beluso recolle na súa fachada principal un mural que lembra a estadía da artista Maruja Mallo na parroquia de Bueu durante o verán de 1936, interrompida polo inicio da guerra civil, o 18 de xullo, co golpe militar. 

A Deputación e o Concello decidiron levar a cabo esta homenaxe no que se recolle á artista mentres pinta no 'Caderno de Beluso' en compañía doutros artistas como Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas. 

O deputado de Cultura, Xosé Leal, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal e os integrantes do colectivo Polo Correo do Vento e a directora do Museo Massó, ademais de representantes de colectivos da vila participaron no acto de inauguración do mural. Leal destacou que naquela época a praia de Beluso contaba coa maior concentración de artistas por metro cadrado.

A ilustración, segundo Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, pertence ao libro 'Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo', da súa colección 'Mulleres galegas'. 

Maruja Mallo vivía en Beluso co seu compañeiro, o sindicalista marxista Alberto Fernández Martínez "Mesquita". A artista chegara a Galicia para traballar coas misións pedagóxicas no marco da Institución Libre de Ensino e realizou en Beluso apuntes da vida mariñeira, que posteriormente levaría a Arxentina.