Un monólito renderá homenaxe á escritora Fina Casalderrey

Pontevedra
29 de maio 2023

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a súa XXIX edición cunha homenaxe o 10 de xuño na Ponte da Palabra á figura da escritora pontevedresa co descubrimento do monólito e a plantación dun acivro. A continuación, no Teatro Principal de Pontevedra, se realizará o acto de entrega da "Letra E" cun laudatio da autora, elaborado por Montse Pena Presas

A escritora Fina Casalderrey
A escritora Fina Casalderrey

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recala en Pontevedra o 10 de xuño coa celebración da XXIX edición da conmemoración O/A Escritor/a na súa Terra,  que se dedicará á figura da escritora pontevedresa Fina Casalderrey

Será un acto múltiple e popular para recoñecer a entidade literaria da autora de 'Icía quere cambiar o mundo', 'O misterio do Faro Vello' ou 'A lagoa das nenas mudas', entre outras. 

O programa previsto para ese sábado comezará ás 11.30 horas co descubrimento do monólito conmemorativo e a plantación da árbore da autora, un acivro. Será un acto aberto para todo o público que se desenvolverá nas inmediacións do río Lérez na Ponte da Palabra.

Está previsto que interveñan Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e a propia Fina Casalderrey.

A continuación, desenvolverase o acto de entrega da "Letra E", a partir das 12.30 horas, no Teatro Principal. Este evento tamén será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Intervirán, de novo, o alcalde de Pontevedra; o presidente da AELG e, posteriormente, Montse Pena Presas realizará un Laudatio da autora, a quen se lle entregará unha peza escultórica. 

O acto finalizará coa intervención de Fina Casalderrey, que responderá á laudatio.

Con motivo desta homenaxe está previsto un xantar de confraternidade a partir das 14.30 horas no Liceo Casino de Pontevedra. Para asistir as persoas interesadas están obrigadas a realizar unha inscrición previa, antes do 5 de xuño, a través do correo [email protected]