Un foro analizará en Pontevedra a conexión entre a arte, a cultura e a educación

Pontevedra
11 de abril 2016

O auditorio do Sexto Edificio do Museo acollerá os próximos días 6 e 7 de maio o Foro Arte, Cultura e Educación, unhas xornadas organizadas por Taller Aberto e que nace co obxectivo de reunir nun mesmo espazo as tres esferas da produción cultural: a escola, os museos e centros artísticos e os artistas, institucións e asociacións que traballan por libre

Presentación do Foro Arte, Educación e Cultura no Concello de Pontevedra
Presentación do Foro Arte, Educación e Cultura no Concello de Pontevedra / PontevedraViva

O auditorio do Sexto Edificio do Museo acollerá os próximos días 6 e 7 de maio o Foro Arte, Cultura e Educación, unhas xornadas organizadas por Taller Aberto e que nace co obxectivo de reunir nun mesmo espazo as tres esferas da produción cultural: a escola, os museos e centros artísticos e os artistas, institucións e asociacións que traballan por libre.

O foro contará con seis relatores, dous por cada un destes ámbitos.

Así, a profesora de Maxisterio Begoña Paz falará sobre a intervención artística como estratexia educativa; mentres que José Rivela, profesor do IES de Celanova, expoñerá novas propostas na educación plástica e visual, froito do seu traballo con artistas internacionais.

Rodrígo Díaz, mediador artístico do Museo de Arte Contemporánea de Cuenca, analizará as interaccións entre museo, arte e territorio; e Encarnación Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, disertará sobre as bases do intercambio educativo no museo.

Por último, Alfredo Palacios, doutor en Belas Artes, experto no traballo e intervencións nas rúas, explicará como conectar artistas contemporáneos coa universidade e as escolas; e a pedagoga Ascensión Moreno, que traballa como mediadora artística en proxectos con entidades sociais, falará desta experiencia laboral.

Todas as conferencias estarán acompañadas dun coloquio sobre os temas propostos.

Segundo explicou Marta Guirado, unha das responsables de Taller Aberto, as persoas interesadas en asistir a este foro, que é gratuíto, deberán inscribirse previamente na páxina web desta iniciativa: www.foroace.com.

Este foro conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, a través do departamento de Cultura, e da Universidade de Vigo.