Un día para recuperar e reimaxinar o Museo do futuro

Pontevedra
18 de maio 2021

Debuxos, cartas e palabras de como debería ser un museo pensado para as persoas e adaptado ao século XXI encheron este martes as cristaleiras do edificio Castelao. Foi a particular forma coa que Pontevedra conmemorou o Día Internacional dos Museos, dando voz a particulares e colectivos e, sobre todo, traballando desde o colectivo

Intervención creativa con motivo do día dos Museos 2021
Intervención creativa con motivo do día dos Museos 2021 / Mónica Patxot

Debuxos, cartas e palabras de como debería ser un museo pensado para as persoas e adaptado ao século XXI encheron este martes as cristaleiras do edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Entre todos eses elementos, e coa guía das creadoras das asociación Paspallás, compuxeron a palabra Futuro e deseñaron esa nova época da institución museística pontevedresa. Foi a particular forma coa que Pontevedra conmemorou o Día Internacional dos Museos, dando voz a particulares e colectivos e, sobre todo, traballando desde o colectivo. 

"Este é un día para gozar, o museo abre as súas portas e entre todos temos que pensar como queremos que se vexa o museo do futuro", resume o director da institución, José Manuel Rey, que visitou a intervención artística antes descrita durante a mañá e explicou que a súa idea é que o Museo pontevedrés sexa "aberto a toda a cidadanía, participativo, inclusivo" e que faga que toda a poboación sinta que pertence a él. 

Con esa idea, deseñouse esta intervención creativa, que puxeron en marcha as creadoras Iciar Ezquieta, Begoña Paz, María Paz, María Covadonga e Laura Otero, do colectivo Paspallás. En nome de todas, Begoña Paz explica que o seu obxectivo é retratar "o futuro dos museos, recuperar e reimaxinar" as institucións. Todas esas palabras destacan entre as outras nas cristaleiras nesta actuación que perdurará toda a semana para que poida chegar a máis poboación. 

Begoña Paz considera que "é o momento de sentarnos a pensar que queremos, no museo que queremos" e que para definir ese futuro é importante a participación, pensar desde o colectivo, por iso recolleron nas últimas dúas semanas as propostas realizadas desde colexios, desde o propio persoal da institución e, xa na xornada deste martes, as dunha serie de colectivos sociais que se desprazaron ata as instalacións para participaron activamente no proceso. 

As creadoras de Paspallás sentaron as bases partindo do plano dos sete edificios do Museo de Pontevedra e das palabras "recuperar", "reimaxinar" e, en letras máis grandes, "futuro". A partir desa estrutura, sumaron debuxos, cartas e todo tipo de creacións que lles foron chegando e que durante toda a xornada deste martes fixeron no propio museo Amencer, Xuntos, ASSEI, Taller Abierto e a Facultade de Ciencias da Educación.

O traballo empezou hai 15 días e perdurará toda a semana e espertou grande interese entre todos os colectivos participantes, moitos deles na que foi a súa primeira actividade no exterior desde o inicio da pandemia da covid-19. 

Os participantes achegaron eses ideas para o futuro, que en moitos casos pasan polas novas tecnoloxías e proxectos 3D. Abel, da asociación Down Pontevedra Xuntos, relatou que "o espazo que imaxino é que fora un pouco máis interactivo, máis das novas tecnoloxías" mentres que Cristina, do mesmo colectivo, pide maior accesibilidade, "máis adaptado para todos, que todas as persoas con discapacidade, tanto cegas como xordas ou... poidan vir". 

O propio director da institución recoñece esa necesidade de adaptación e que "despois desta pandemia, os museos teñen que reinventarse". Amósase convencido de que moitas actividades e filosofías da antiga normalidade se recuperarán, pero "outras cousas viñeron para quedarse", entre elas, o esforzo de incorporar as novas tecnoloxías ou as novas formas de relacionarse cos visitantes". 

De cara a ese futuro xa moi inmediato, "seguramente, deberíamos primar máis a calidade da experiencia que os números", escoitar ao visitante e facer a súa visita máis enriquecedora. De momento, a institución aínda abre con restricións, con visitas guiadas limitadas a catro persoas máis guía, con capacidade restrinxida e extremando todas as precaucións. 

Este martes, houbo esas visitas e tamén un recital de piano a cargo de María Domínguez Pérez en horario de mañá e tarde. E o Museo seguirá a celebrar o seu día durante toda a semana. 

O mércores farase unha visita guiada ás coleccións; o xoves abrirase a exposición 'Galiza. De Nós a nós' xoves, venres e sábado seguirán as visitas guiadas; e o sábado a programación pechará cun concerto a cargo de Laura LaMontagne & PicoAmperio ás 22.00 horas.