Un comité asesor revolucionará a xestión do Museo no seu 90 aniversario

Pontevedra
28 de decembro 2017

O Museo prepárase para recibir o 2018. Será un ano moi especial para unha institución que cumprirá o seu noventa aniversario. A intención da Deputación é sentar as bases para o seu funcionamento futuro. Así, nos vindeiros meses será unha realidade un comité asesor, formado por persoas con perfil técnico, para avanzar nunha xestión profesional

Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Entrada do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

O Museo prepárase para recibir o 2018. Será un ano moi especial para unha institución que cumprirá o seu noventa aniversario. A intención da Deputación é que esta efeméride sente as bases para o seu funcionamento futuro. Así, nos vindeiros meses será unha realidade un comité asesor, formado por persoas con perfil técnico, para avanzar nunha xestión profesional.

A través desta fórmula buscan abordar cuestións estratéxicas que afectan ao futuro do Museo, entre as que se atopan cuestións tan cruciais como a remodelación e apertura dos edificios que permanecen pechados, a reestruturación de espazos expositivos, o posible cambio de nome do Sexto Edificio ou unha comunicación encamiñada a públicos específicos.

Está previsto que ao longo do vindeiro mes de xaneiro se contacte coas institucións e colectivos que formarán parte do mesmo, de cara a presentalo xa formalmente no mes de febreiro.

“O plan de traballo para o exercicio 2018 porá enriba da mesa os alicerces estratéxicos do Museo que queremos ofrecerlle á sociedade os vindeiros 20 anos”, explica o deputado de Cultura, Xosé Leal.

Un dos retos máis inmediatos, e que se comezará a visibilizar no2018, é a remodelación do edificio fundacional do Museo, o Castro Monteagudo, para adaptalo ás necesidades actuais tanto expositivas como da súa propia accesibilidade e conexión co García Flórez para desta forma volver abrir ambos ao público tras permanecer pechados nos últimos anos.

Con motivo deste noventa aniversario, a Deputación tamén está traballando na creación dunha liña de colaboración entre o Museo e os centros e institucións formativas relacionadas con diferentes disciplinas artísticas nun sentido amplo.

Para isto, está a ultimar unha convocatoria pública para fomentar propostas de creación e investigación por parte do alumnado de disciplinas relacionadas coa arte, a comunicación e o deseño, tanto do campus de Pontevedra como de fóra.

A idea final é a de conectar o Museo como institución histórica coas linguaxes e formas de expresión e representación contemporáneas, e amosar un Museo histórico como é o de Pontevedra desde unha perspectiva anovada, buscando miradas novidosas e orixinais. 

Ademais, esta colaboración permitirá ampliar a oferta de oportunidades ao alumnado de realizar proxectos prácticos no marco da formación regrada, contribuír  a que os centros e institucións de formación superior poidan ampliar a súa oferta curricular, construír novas percepcións do Museo que complementen as xa existentes e crear novas formas de diálogo entre a institución e a sociedade.