O vindeiro sábado 4 de marzo, no Salón García representarase a función teatral A Galiña Azul. A obra, dirixida ao público infantil, foi escrita por Carlos Casares, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
O texto será levado ao escenario polos actores Ana Carreira e Manu Polo e terá unha duración de 45 minutos. A representación teatral forma parte do programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia, FalaRedes e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vilagarcía.
A Galiña Azul trata, en forma de carta, a relación dun neno coa súa amiga Ana, que se marchou da vila cando era pequena. Durante os cinco relatos que conforman o libro, o protagonista cóntalle a Ana todas as anécdotas e acontecementos que ocorreron dende que ela se foi, co obxectivo de que non se esqueza das súas orixes galegas.
A función empezará ás 12:00 horas da mañá e a entrada será libre e gratuíta ata completar aforamento. Como agasallo, os nenos asistentes recibirán un exemplar do libro de Casares ao terminar a obra.