Un cento de funcións teatrais para celebrar o Ano Castelao

Pontevedra
01 de xullo 2016

Todos os concellos da provincia contarán, como mínimo, cunha representación teatral no marco deste programa

57769b5cda-20160701-patxot-ano-castelao-2.mp4 / Mónica Patxot

"Neste Ano Castelao non podiamos deixar de lado o teatro porque sempre tivo moita importancia na vida de Castelao, que aínda que como autor só escribiu unha obra, traballou moito no mundo da escenografía e a prol da creación dun teatro galego", afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da programación teatral incluída no marco do Ano Castelao.

Leal lembrou que xa a principios de ano, desde a Deputación se comezara coas efemérides relacionadas co autor cunha estrea teatral, coa versión en teatro de monicreques de "Os vellos non deben de namorarse" a cargo de Fantoches Baj. "Esta programación contempla tamén esta obra, neste caso a cargo de actores reais, por celebrarse este ano o 75 aniversario da estrea orixinal da obra en Bos Aires" sinalou o deputado.

Indicou que serán cinco as obras, a cargo doutras tantas compañías, que en total sumarán 90 actuacións e que presentan propostas escénicas moi diferentes.

  • A compañía Limiar Teatro representará "A lingua na boca. Letras, Riscos e Pensamentos de Castelao".
  • Teatro do Morcego levará a escea "Os vellos non deben de namorarse".
  • "Retrincos de Castelao" é a proposta da compañía Culturactiva.
  • Pola súa banda, Cándido Pazó escolleu como título da súa obra o texto dunha das estampas do álbum Nós "Que comerá o rei?"
  • Migallas Teatro coa súa obra "Pegadas de Castelao" fará un espectáculo dirixido tamén aos nenos