Un cento de fotografías gañadoras nos Premios á Xuventude exhíbense no Pazo Provincial

Pontevedra
04 de outubro 2024

A mostra, que estará aberta ata o 31 de outubro no edificio central da Deputación, forma parte das actividades complementarias do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebrará os días 17 e 18 de outubro no Museo de Pontevedra

Inauguración da exposición fotográfica dos Premios Provinciais á Xuventude
Inauguración da exposición fotográfica dos Premios Provinciais á Xuventude / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e o deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela, inauguraron este venres 4 unha exposición fotográfica no vestíbulo do Pazo Provincial.

A mostra recolle máis dun cento de instantáneas gañadoras das sete edicións dos Premios Provinciais á Xuventude.

Composta por 112 fotografías (18 individuais e 94 en 13 series fotográficas), a mostra reflicte o crecente interese da mocidade pola creación artística.

Domínguez destacou a "enorme calidade artística" das obras e animou aos mozos e mozas a seguir cultivando esta arte.

A exposición, que estará aberta ata o 31 de outubro, forma parte das actividades complementarias do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que se celebrará os días 17 e 18 de outubro no Museo de Pontevedra.

O encontro Pontevedra Literaria contará coa presenza de escritores de prestixio como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro e Arantza Portabales, entre outros.

Tamén participará Sandra Ferreiro García, gañadora do premio de narrativa dos Premios Provinciais á Xuventude en 2018, que acaba de publicar a súa primeira novela.