Un 'Camiño de historias' para apoiar a literatura e a lingua galegas

Pontevedra
23 de outubro 2022

A compañía pontevedresa xogou na casa este domingo con 'Camiño de historias', un espectáculo que alterna o traballo actoral con música, narración e monicreques, transmitindo valores como o coidado dos animais e o apoio á difusión da literatura popular infantil de Galicia

Representación de 'Camiño de historias' de Migallas Teatro nos Domingos do Principal
Representación de 'Camiño de historias' de Migallas Teatro nos Domingos do Principal /

O ciclo de teatro familiar Domingos do Principal foi este domingo aínda máis pontevedrés do habitual, pois tocoulle subir ao escenario á compañía de teatro local Migallas, que presentou o espectáculo 'Camiño de historias'.
 
A pesar do paso da borrasca Beatrice e dos fortes ventos e choivas que deixou, en especial, durante a mañá, esta sesión de Migallas no Teatro Principal tivo un grande éxito de participación no patio de butacas. 

'Camiño de historias', recomendada para todos os públicos, contou aos espectadores tres historias procedentes de diversos países de lingua portuguesa, nunha peza que ten a interculturalidade e os dereitos humanos como dous dos seus eixos principais. 

Os integrantes de Migallas buscaron a implicación do público para atopar unha palabra que era, en realidade, a esencia da historia e, en conexión con outras dúas, dá orixe a unha fórmula que logrará a felicidade das persoas. 

A combinación de traballo actoral de María Campos e Carlos Yus con música, narración e monicreques deste espectáculo chegou moi ben ao público e transmitiu valores como o coidado dos animais e o apoio á difusión da literatura popular infantil de Galicia.

Este espectáculo insiste na utilidade da lingua galega para establecer comunicación con máis de 280 millóns de falantes de portugués en Brasil, Portugal, Angola, Timor Leste ou Mozambique.