'Un biolo na noite', peza gañadora do I premio provincial Microteatro da Memoria, estréase o 2 de febreiro

Pontevedra
28 de xaneiro 2022

O salón de actos do Pazo Provincial da Deputación será o vindeiro mércores 2 o escenario da estrea da peza de microteatro ‘Un biolo na noite’, da dramaturga Ana Abad de Larriva, gañador en 2021 deste certame centrado na memoria histórica

Ana Abad de Larriva e Sara Rey, gañadoras das dúas edicións do Premio de Microteatro da Memoria
Ana Abad de Larriva e Sara Rey, gañadoras das dúas edicións do Premio de Microteatro da Memoria

O vindeiro mércores 2 de febreiro, o salón de actos do Pazo Provincial da Deputación acollerá a estrea da peza de microteatro 'Un biolo na noite', da dramaturga Ana Abad de Larriva, que gañou en 2021 o I Premio de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación e a Escola Superior de Arte Dramática Galega.

A cita está prevista para as 19.00 horas e será aberta ao público coa necesidade de inscribirse previamente no correo [email protected]. As prazas serán adxudicadas por orde de chegada.

A representación de 'Un biolo na noite' será dirixida por Natalia Feijoo coas interpretacións de Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A trama ofrecerá unha recreación de feitos reais relacionados coa historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui.

A súa vida transcorreu durante catro anos escondido nun oco da adega do domicilio da súa nai María. Alí falecía ao enfermar de tuberculose e foi enterrado en segredo para evitar represalias do franquismo. A figura de María é o eixo da historia desta peza sobre a Memoria Histórica.

Este evento contará cunha actuación musical e a entrega do galardón da edición de 2022, consistente nun agasallo institucional e 500 euros á dramaturga Sara Rey, que coa súa obra 'A patente do sol' vencía na segunda edición do certame.

O Premio de Microteatro da Memoria desenvólvese coa intención de que a xente nova se achegue, a través de novas linguaxes, aos acontecementos históricos da represión. A deputada deste departamento María Ortega destaca a importancia de promover a sensibilidade e ofrecer información sobre os feitos que se desenvolveron con motivo do golpe do 36 en Galicia.