Un ano dedicado á figura de María Victoria Moreno no IES Torrente Ballester

Desde que María Victoria Moreno foi seleccionada como figura homenaxeada polo Día das Letras Galegas, o IES Torrente Ballester puso en marcha unha completa programación de actividades na súa homenaxe

Mural en homenaxe a María Victoria Moreno
Mural en homenaxe a María Victoria Moreno / Gabriela Varela Asorey

O IES Torrente Ballester foi o último instituto no que a escritora María Victoria Moreno viviu os seus últimos anos de docencia. O director, David Castro, confesa que non ten máis que boas palabras cara a ela. Defínea como unha muller que se caracterizaba por "su generosidad, pues daba todo lo que tenía". Mesmo nos menciona unha anécdota comunmente estendida: María Victoria denominaba aos seus alumnos como "sus cachorros"

Durante este curso, desde o centro impulsáronse numerosas iniciativas cun obxectivo común, homenaxear á autora e manter vivo o seu recordo. É entrar no edificio e detectar a presenza de María Victoria, figura que dá nome á biblioteca do instituto e que alberga, á súa vez, o legado literario que a escritora deixou ao instituto. 

Carteis no exterior, ilustracións das súas obras, mostrarios de poemas, textos e libros que ela escribiu, entre outras mostras, todas elas presididas polo impresionante mural situado na biblioteca e titulado ‘Sombra e luz’, en homenaxe á súa figura, que lle valeu recentemente ao IES Torrente Ballester o primeiro premio do Concurso Letras Galegas.

Manuel Martí, profesor de Educación Plástica e Visual do instituto, foi o encargado de coordinar o proxecto coa axuda dun equipo de profesores que quixeron participar nesta iniciativa. Martí contábanos que comezaron a pensar a temática do mural sen aínda coñecer a convocatoria do concurso. "Xa levamos moitos anos pintando murais na zona da biblioteca, relacionados coa literatura e a arte. Quedábanos unha parede grande para este curso, e cando se deu a circunstancia de que lle deron o ano das Letras Galegas a María Victoria, tivemos claro que o motivo do mural tiña que ser sobre ela". 

O mural foi pintado por un grupo de 13 alumnos de 4º ESO, algúns deles coñecedores de obras da escritora, como ‘Anagnórise’. Cando souberon da existencia do concurso, presentaron o proxecto ‘Sombra e luz’ sen moitas aspiracións, aínda que terminaron alzándose co primeiro premio. "Vendo a convocatoria, pensei que como xa traballaramos moito a obra e as imaxes de María Victoria, poderíamos utilizalas como base na realización dos carteis", sinalou o profesor de Plástica. Ademais, no exterior do centro pódese ver outro dos murais realizados en honra á que foi profesora do centro entre os anos 1993 e 2002, en estética pop art.

María Victoria denominaba aos seus alumnos como "sus cachorros"

Pero non foi este o único proxecto ideado para o 'Ano María Victoria Moreno'. David destaca en primeiro lugar o traballo realizado por alumnos e profesores, que cualifica de "espectacular". Confesa que para eles supuxo “una gran responsabilidad” deseñar a enorme programación preparada durante todo este curso. Cando foron coñecedores da dedicatoria do 17 de maio á figura da escritora, designaron unha comisión que crease unha serie de actividades-homenaxe. Un comité que, segundo as súas palabras, "ha dado unos frutos muy interesantes".

PROGRAMA DE ACTOS

En primeiro lugar, impulsáronse dúas exposicións sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, que aínda están presentes no centro. Seguidamente, celebrouse recentemente unha representación teatral por parte da compañía Ubú Teatro. Este colectivo realizou unha adaptación dunha das súas obras máis famosas, 'Leonardo e os fontaneiros'. Tamén conseguiron que a editorial Urco lles permitira mostrar unha exposición que reproduce parte da obra da homenaxeada polas Letras Galegas, na súa colección 'Mulleres bravas'. 

Un dos actos clave desta programación foi o celebrado este mércores 4 no Salón de Actos do instituto. Unha homenaxe ao que foron convidados a escritora Fina Casalderrey ou o presidente da RAG, Víctor Freixanes, entre outros. Un evento no que aproveitaron para presentar o vídeo-homenaxe rodado no centro en honra a María Victoria, ademais dun manuscrito inédito a partir do cal o centro maquetou un conto orixinal da autora.

O intenso traballo realizado polo IES Torrente Ballester desde inicio de curso espertou o interese de numerosos organismos, entre eles a Universidade Complutense de Madrid. Membros da comisión mencionada e o director foron convidados a dar unha conferencia en maio sobre María Victoria e a programación que se deseñou. Un plan de actividades que, segundo nos conta David Castro "no queremos que termine el 17 de mayo", senón que continuarán desenvolvéndose ata o primeiro trimestre do próximo curso 2018-2019.