Un acto de "xustiza histórica" que xurdiu dunha publicación no Facebook

Pontevedra
16 de marzo 2023

Unha delegación da Deputación de Pontevedra atópase estes días en Polonia para asistir á restitución do díptico de Bouts, un acto de "xustiza histórica" que xurdiu dunha publicación no Facebook tal e como lembraron este xoves nun encontro co director do Museo Nacional de Poznan, que se amosou "conmovido" pola boa disposición da administración local pontevedresa

Reunión dos representantes da Deputación e do Museo Nacional de Poznan
Reunión dos representantes da Deputación e do Museo Nacional de Poznan / PontevedraViva

Unha delegación da Deputación de Pontevedra atópase estes días en Polonia para asistir ao acto de restitución do díptico de Bouts, un acto de "xustiza histórica" que xurdiu dunha publicación no Facebook tal e como lembraron este xoves nun encontro co director do Museo Nacional de Poznan, que se amosou "conmovido" pola boa disposición da administración local pontevedresa.

O director do Museo de Pontevedra, Jose Manuel Rey lembrou que o Museo publicou no ano 2019 no seu perfil en Facebook unha fotografía do cadro da ‘Dolorosa’ e do ‘Ecce Homo’ dol pintor flamenco Dierik Bouts, que se exhibían na pinacoteca provincial.

Entre as miles de persoas que viron durante o confinamiento esta sinxela publicación estaba Mariusz Wiśniewski, membro do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura de Polonia.

Sorprendido ao identificar as obras contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que achegaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

A devolución demorouse máis do previsto ante a reclamación da obra non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima.

Finalmente, todos os informes xurídicos confluíron en que o procedemento correcto era restituír os cadros ao Estado polaco. Este venres celebrarase en Poznan unha ceremonia de devolución dos cadros ao seu lugar de orixe, o Castelo de Goluchow. Como convidada especial está a Deputación de Pontevedra.

Na recepción previa, que tivo lugar este xoves, participaron o vicepresidente provincial e responsable político do Museo, César Mosquera, así como tamén a responsable do departamento provincial de Memoria Histórica María Ortega e o deputado de Economía Carlos López Font. Pola parte polaca, estiveron, ademáis do director do Museo, Martyna Zurastewic directora científica, e a responsable do departamento de Educación, Kataryna Gradowska, xunto a outro persoal técnico. 

Froito desta xuntanza os responsables do Museo de Pontevedra e os do Museo Nacional de Poznan acordaron colaborar para investigar científicamente a orixe e percorrido do díptico de Bouts espoliado polos nazis atopado en Pontevedra e tamén realizar exposicións intercambiando fondos. 

O director do museo polaco, Tomasz Lecki manifestouse "conmovido" pola restitución dos cadros de Bouts e subliñou que parte da equipa do seu Museo incluso chorou de alegría cando soubo que as táboas volverían á súa localidade de orixe. 

Agradeceu a custodia e coidado do díptico realizada polo Museo de Pontevedra e subliñou que en Polonia sería estraño ter aprobado a devolución por unanimidade.

Salientou que a “guinda á nobreza da restitución é que unha delegación da Deputación se trasladase a Polonia”, algo que ao seu entender, “amosa a importancia que se dá ao acto”.  Juan Manuel Rey contestoulle que o desexo da Deputación de Pontevedra sempre foi "reparar unha inxustiza histórica e devolver estes cadros ao seu lugar de orixe".

Como peche á visita da delegación pontevedresa ao Museo realizouse un percorrido guiado.