Durante os primeiros días desta semana estará aberto o prazo para aquelas persoas que queiran participar no segundo cuadrimestre do taller da Aula de Teatro do campus de Pontevedra, colectivo que dirixe o actor e director teatral Salvador del Río.
Para as persoas que xa participaron durante o primeiro cuadrimestre nas actividades da aula de Teatro universitaria teñen de prazo ata o martes 30 para apuntarse na plataforma Campus Activo, mentres que o público xeral que queira integrarse terá opcións ata o mércores 31.
A estas persoas que queiran integrarse agora se lles realizará unha entrevista coa intención de garantir un "mínimo de experiencia", segundo manifesta Salvador del Río, e coñecer a súa dispoñibilidade para participar nos ensaios que se realizan os luns e mércores, de 18.30 a 21.30 horas, na Facultade de Belas Artes.
O obxectivo é crear unha montaxe teatral con escenas de diferentes obras e achegas do grupo que serán representadas, entre abril e maio, na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) en Pontevedra, Vigo e Ourense, segundo indica o DUVI.
Na primeira parte do curso desenvolveuse un taller impartido por Salvador del Río, con Omar Ferrín e Sonia Rúa, centrado no fomento da capacidade de concentración, memoria, oratoria, expresión, creatividade e sentido de ritmo e da musicalidade.