Ata o vindeiro martes 7 de xaneiro, calquera persoa que o desexe pode participar no o obradoiro 'Fabrica o teu xoguete' no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
A actividade forma parte da exposición temporal 'É tempo de xogar'. Calquera persoa que se achegue á mostra poderá fabricar o seu propio xoguete para levar á casa.
Trátase dunha actividade de acceso libre e dispoñible durante todo o horario de apertura do Museo.
Está xestionada polo departamento de Educación do Museo e non require inscrición previa.
'É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo' é unha escolma de 170 pezas das máis de 700 que reuniu nos últimos anos o coleccionista redondelán.
Son xoguetes antigos de fabricación española e internacional, e estará aberta ata o 9 de febreiro no claustro do Edificio Sarmiento.
Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e entre eles atópanse principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais como chumbo, cartón, madeira ou plástico.
Esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas a unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores.