Tropa de Trapo estrea en Pontevedra "O ritmo do camiño", un novo episodio das aventuras de Antía e Wamba

Pontevedra
11 de marzo 2015

O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil foi o escenario elixido para representar O ritmo do camiño, unha montaxe baseada en contacontos e música que fixo as delicias de centos dos escolares que, durante estes dous días, acudiron ás sesións programadas dentro deste evento cultural

Representación de "O Ritmo do Camiño" de Tropa de Trapo no Salón do Libro
Representación de "O Ritmo do Camiño" de Tropa de Trapo no Salón do Libro / Mónica Patxot

A compañía galega Tropa de Trapo estreou un novo espectáculo en Pontevedra. O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil foi o escenario elixido para representar O ritmo do camiño, unha montaxe baseada en contacontos e música que fixo as delicias de centos dos escolares que, durante estes dous días, acudiron ás sesións programadas dentro deste evento cultural.

O ritmo do camiño está protagonizado por dúas personaxes ben coñecidas para o público afeito ás montaxes desta compañía teatral, Antía e Wamba. Ambos coñecéronse hai anos, compartindo unha merenda cando Antía era nena. Pero pasaron os anos e agora Antía está en África traballando coma cooperante, mentres Wamba segue en Europa intentando gañarse a vida.

Os dous seguen en contacto, falando a través da rede. Antía, no medio do seu choque cultural, descubrindo África, co seu ritmo, a súa alegría e os seus conflitos, e Wamba loitando día a día por saír adiante. Antía cóntalle a Wamba as historias africanas que se vai atopando e Wamba fálalle a Antía de como ve Europa despois de tantos anos intentando sobrevivir. Os dous xuntos na distancia, correo a correo, paso a paso, descobren o ritmo dos seus novos pasos.

Un capítulo máis na vida destes dúas personaxes que traen a escea os artistas Marta Ortiz e Brais das Hortas -ela coas súas palabras e el coa música-, os compoñentes desta compañía compostelana.