Tripla aposta pola creación músico-cultural desde a mocidade co RockLab, Xeración Sónica e Local de Música

Pontevedra
23 de setembro 2024

O edil de Cultura e Xuventude, Demetrio Gómez, presentou este luns a aposta pola creación músico-cultural do Concello de Pontevedra

'Contos do Grunje' da man de RockLab
'Contos do Grunje' da man de RockLab / Cristina Saiz

Acompañado de Gonzalo Maceira como responsable dos proxectos RockLab e Xeración Sónica e de Diego Parajó, do Local de Música. Así presentou este luns o edil de Cultura e Xuventude, Demetrio Gómez, a aposta de creación músico-cultural do Concello de Pontevedra para nenos e adolescentes do municipio.

Asentados xa tras anos en funcionamento, o RockLab está destinado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, mentres que Xeración Sónica traballa con mozos e mozas de 13 a 17 anos. Ambas as dúas iniciativas teñen continuidade despois coa actividade do Local de Música e en proxectos como o Salón do Libro, o Incode ou Recreos ao vivo.

"Agardamos que este sexa un ano moi fructífero, que os nenos e nenas de Pontevedra que xa participan destes dous proxectos continúen, e que as novas incorporacións nos sirvan para medrar", defendeu Demetrio Gómez

"Son 10 anos de RockLab. O que comezou como un proxecto de formación musical e investigación en pequenos proxectos musicais e audiovisuais en grupos, mudou moitísimo ata converterse nunha liña que acolle a nenos de 4 anos e ás súas familias e os acompaña ata que crean os seus proxectos propios ou os publican", explicou Maceira asegurando que "agora estamos intentando vinculalos co Local de Música e que o Local colla ese relevo dos alumnos que estaban traballando con nós, como fixemos o ano pasado por primeira vez cunha das bandas que estaba traballando en Xeración Sónica".

Pola súa banda Parajó resaltou a importancia de que "cando a rapazada chega aos 16-17 anos ten a posibilidade de acceder a un equipamento municipal como é o Local de Música. Este espazo permite que a xente teña unhas condicións dignas para facer isto. E por outra banda, o feito de conéctalo co itinerario formativo ao longo dos anos, fai que o Local se convirta nunha especia de centro de estudos, que non o é oficialmente,  pero estamos a facer un esforzo grande para que se convirta, en algúns deses proxectos, nun traballo de orientación laboral. De tal maneira que os grupos logo de pasar por todo ese itinerario, poden atopar formación e capacitación a outro nivel, non tanto no tema musical como en temas que teñen que ver con como sacar para adiante eses proxectos culturais", afirmou.

A inscrición tanto para o RockLab como para Xeración Sónica estará dispoñible a partir deste martes 24 de setembro a través da web apuntate.pontevedra.gal.