Trinta autores analizan a figura de Filgueira Valverde nos Cadernos Ramón Piñeiro

Pontevedra
14 de maio 2015

Trátase do volume XXXI, que leva por título ‘Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura’, e a súa presentación realizouna o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta tarde no Museo de Pontevedra, institución dirixida no seu día polo autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015

Presentación dos Cadernos Ramón Piñeiro 'Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura'
Presentación dos Cadernos Ramón Piñeiro 'Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura' / Daniel Santomé

Trinta autores analizan a figura de Filgueira Valverde nos Cadernos Ramón Piñeiro, publicación que se presentou este xoves en Pontevedra. Trátase do volume XXXI, que leva por título ‘Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura’, e a súa presentación realizouna o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta tarde no Museo de Pontevedra, institución dirixida no seu día polo autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015.

O conselleiro valorou a contribución dos máis de 30 autores por axudaren a abarcar e comprender a inmensa obra do autor, quen destacou non só como escritor ou investigador, senón tamén "nos seus cargos e responsabilidades públicas". 

Román Rodríguez destacou o seu papel no Museo de Pontevedra, "a súa defensa da presenza do galego no ensino naquelas Cortes de 1970 ou a súa participación nos debates que regularon a incorporación da lingua galega ao sistema educativo de 1979". Na súa opinión, a sociedade galega actual é "definitivamente mellor grazas ao esforzo de Filgueira".

O conselleiro mostrouse seguro de que, quen afonde na súa obra mediante a lectura do volume XXXI dos Cadernos Ramón Piñeiro "compartirá comigo o desexo de que a sociedade galega se sume á homenaxe que, da man da Real Academia, se lle rende xustamente para celebrar, un ano máis, a festa das Letras, espazo de confluencia e de unión dos bos e xenerosos arredor da súa lingua e da súa literatura".

Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Xosé Fernando Filgueira Iglesias; o director do Museo e autor dun dos traballos, Xosé Carlos Valle Pérez; e o editor do volume, Luís Cochón Touriño.

Arquivado en