O fenómeno das coñecidas como "bandas tributo" segue en pleno auxe. Son músicos que soben aos escenarios para homenaxear a grandes figuras do pop ou o rock, tirando de nostalxia e interpretando en directo os éxitos dos artistas orixinais.
Tres serán as formacións deste estilo que actuarán en Pontevedra no que queda de ano. Farán as súas particulares homenaxes a dúas bandas míticas da escena musical internacional, Pink Floyd e Queen, e a un dos grandes artistas da música española, Joaquín Sabina.
O primeiro en chegar será imPULSE, un espectáculo que aborda co maior respecto, rigor e profesionalidade a carreira dos británicos Pink Floyd, a banda máis representativa do rock sinfónico e progresivo de todos os tempos.
Será o 30 de novembro, a partir das 21:00 horas, no auditorio de Afundación.
Durante máis de dúas horas, oito artistas sobre o escenario repasarán o legado da banda a través dun repertorio de temas exclusivos e orixinais do grupo, que soarán nun espectáculo visual e musical cheo de sensacións.
O 5 de decembro ás 21:30 horas, pola súa banda, o Pazo da Cultura acollerá un novo concerto de Conductores Suicidas, a banda tributo máis fiel a Joaquín Sabina do panorama nacional.
Inesquecibles baladas acústicas e as súas máis potentes e inconfundibles temas de rock soarán nun espectáculo que, cun parecido incrible na voz e unha coidada interpretación musical, percorre todas as etapas da carreira do artista andaluz.
E xa, ás portas do nadal, chegará a Pontevedra o espectáculo Remember Queen, que co italiano Piero Venery á fronte, rememora a última xira da banda con Freddie Mercury á cabeza. Actuarán no auditorio de Afundación o 21 de decembro, ao nove da noite.
Todos os grandes temas de Queen, entre eles We are the champions ou Bohemian rapsody, soarán neste concerto no que Venery, un dos mellores dobres do mundo, ofrece unha impecable caracterización de Freddie Mercury, xunto aos seus xestos, bailes e posta en escena.
As entradas para o tres espectáculos tributo están á venda na plataforma Ataquilla.com.