A ilustración, segundo palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ten un enorme "poderío cultural" en Galicia, terra que ten sido unha enorme referencia neste campo. Este dato, unido á cultura como principal argumento dos visitantes que veñen ás Rías Baixas, fai necesaria a promoción e posta en marcha de diferentes proxectos que poñan en boga a zona como destino turístico, segundo recalcou a presidenta.
É por iso que, este venres, presentouse no Pazo Provincial 'Escavando no noso pasado', enmarcado no plan 'Somos historias', creado con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Trátase dun proxecto de ilustración levado a cabo nos distintos xacementos arqueolóxicos de Pontevedra, no que a través de distintas rutas, tres ilustradores con perfís moi diferentes plasman estas paisaxes nuns debuxos cargados de maxia.
A xestora cultural, artista e crítica de arte Paula Cabaleiro é unha das organizadoras do proxecto, impulsado por El Patito Editorial. Co obxectivo de promover, como manifestou, "experiencias sensoriais", o equipo visitou o Castro Landín (Cuntis), os vestixios da Lanzada (Sanxenxo), o Outeiro dos Cogoludos, en Campo Lameiro, e a Laxe das Ferraduras, en Cerdedo-Cotobade, entre outros.
Tres artistas de diferentes procedencias foron os encargados de ilustrar estes percorridos, cada un deles co seu estilo e visión. Guida Castella, profesora e ilustradora científica lusa para organismos como o Instituto Arqueolóxico Alemán, aportou a ollada máis técnica do proxecto. Descoñecedora da riqueza arqueolóxica de Galicia, mostrouse moi satisfeita de ter creado "un enlace entre Portugal y Galicia" máis aló da lingua, como sinalou.
A visión máis local ven da man dunha das ilustradoras de referencia en Galicia, a luguesa Ana Moreiras. Tras confesar que as Rías Baixas constituían unha zona ata entón descoñecida para ela, a experiencia resultoulle moi "fermosa e pedagóxica". Do Mediterráneo chegou Alfredo Ugarte, máis coñecido como Urumo, aportou ao grupo a visión máis turística. Nado no País Vasco e licenciado en Belas Artes, este deseñador gráfico amosa nas súas ilustracións as paisaxes que contempla, pero á súa vez, segundo apuntou, trata de recoller as súas impresións e establecer unha relación entre todos os elementos da contorna.
O resultado deste proxecto, que aínda non rematou, será representado nun exemplar onde as ilustracións serán as protagonistas, e servirán de agasallo e carta de presentación en futuras reunións de importancia con posibles prescriptores da cidade, algúns deles con grandes capacidades transmisoras da cultura galega, segundo destacou Carmela Silva.