A organización do Salón do Libro adianta a poucos días de que se presente a programación que tres Premios Fetén serán algúns dos espéctaculos dos que poderán gozar os máis pequenos do 10 de marzo ao 2 de abril. A temática será o factor común e centrarase en aspectos relacionados co lema "O mundo que queremos".
As entradas para todos eles contarán con pases concertados con escolares en horario matinal e de tarde para público familiar unha hora antes do comezo polo prezo de 3 euros.
"Perro perdido" (Lost Dog) de Cal y Canto, galardoado hai apenas uns días co Premio Fetén 2017 ao mellor espectáculo en espazo non convencional, fala dos malos tratos animais, do abandono e da importancia do respecto aos animais. Esta función de monicreques ambientada nun espazo rural destaca polo súa peculiar perspectiva, que lle permitirá ao público ver como é o mundo a través dos ollos dun can.
"Óscar, o neno durmido", a obra de El Espejo Negro, mergúllanos na historia de Óscar, un neno que caeu nun longo e profundo soño. Pero tras nove meses algo extraodinario sucederá. Un espectáculo que non só busca entreter, senón que será toda unha lección de vida, contada co habitual enxeño que caracteriza á compañía malagueña.
"Lunáticus Circus", que recibiu o premio Fetén á mellor escenografía, conta a historia de que os ogros inventaron unha mentira e prometeron descolgar a lúa para despois vendela en anacos pequenos á xente. Todos lle fixeron caso e venderon as súas pertenzas para conseguir un anaco de lúa. Agora todo o mundo ten fame e débedas.