A novena edición do 'Festival dás Núbebes' terá lugar o domingo 26 de febreiro e o venres 3, o sábado 4 e o domingo 5 de marzo. Este evento de artes escénicas para bebés e familias contará con teatro, contos, música, danza e obradoiros. Este ano ademais volverá tamén a 'guerra de almofadas' que tanto éxito tivo en edicións anteriores.
As actividades que constan no programa realizaranse en tres espazos: no Teatro Principal, no Museo de Pontevedra e na Casa das Campás, buscando que haxa unha maior variedade de espectáculos e que os poidan gozar as máximas persoas posibles.
Carme Fouces, concelleira de Cultura, presentou este mércores o festival e denominouno como "un espazo de alegría, inflexión e aprendizaxe", que este ano "volve para quedar na memoria dos nenos e as súas famiias ao longo da vida como un recordo feliz".
Segundo Andrea Bayer, fundadora de Baobab Teatro, compañía que organiza o festival, "é un festival referente en toda Galicia". Ela foi a que confirmou que nesta edición participarán doce compañías, a maioría delas de Galicia, e haberá numerosoas sorpresas como 'Coliño', unha obra musical e sensorial de 'A Xanela do Maxín'.
A inauguración deste noveno Festival das Núbebes será o domingo 26 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Principal. Será un espectáculo de teatro, monicreques e música con Roque, o protagonista do festival, que estará acompañado de diversos artistas convidados.
Nesa primeira xornada representaranse, en varias funcións, o espectáculo de contos e monicreques Palabras (Baobab Teatro), A viaxe de Lup (Soledad Felloza) ou O son que me arrola, unha montaxe de cantos de berce da asociación socioeducativa Antonio Gandoy.
O venres 3 de marzo estrearase o espectáculo teatral Nube, nube, sol, da compañía De Teatro ó Cubo e o sábado día 4 será a quenda da narradora Marta Ortíz con Casa, casiña, casona; o espectáculo musical e sensorial Coliño (A Xanela do Maxín) e o concerto de Xoán Curiel.
E xa o domingo 5 de marzo haberá un cantacontos para bebés de Pablo Díaz, a estrea do espectáculo de contos e música Triscus Beliscus con Rilo e Penadique e a guerra de almofadas, no que cada participante deberá traer o seu coxín ou almofada.
O Festival das Núbebes pechará ás 18:15 horas no Teatro Principal coa estrea do concerto Silforiña e o acto de clausura con Roque, da man de Golfiños e Baobab Teatro.
As entradas custarán tres euros e poñeranse á venda a partir deste xoves 16 de febreiro ás 9:00 horas. Terán que pagar tanto os bebés como as persoas que os acompañen.