Con motivo do Día das Letras Galegas está previsto que o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acolla diversas actividades para todas as idades, entre o xoves 16 e o sábado 18 de maio.
A programación comeza o xoves coa inauguración da exposición 'Xaime Isla e utopía de Galicia'. Será ás 20.30 horas coa participación de Xosé L. Pastoriza, comisario da mostra.
Entre as persoas que asistan a esta cita vai repartirse un libro colectivo sobre o intelectual e economista galego Xaime Isla Couto, tamén coñecido como Xaime Illa. O libro está editado e foi doado pola Fundación que leva o seu nome.
O venres 17, os actos van iniciarse ás 17.30 horas, coa cerimonia de entrega dos premios do XXXII Concurso Literario Xaime Illa. Un centenar de traballos presentáronse a este certame tanto na categoría de poesía como de relato curto.
Nesa mesma xornada está prevista tamén a Conversa con Ramón Rozas, xornalista e escritor. A actividade finalizará coa actuación do dueto musical Xistra.
O sábado será a quenda para o teatro con dúas representacións. A primeira chegará ás 17.30 horas con Expresión Producións, que presentará 'Iguais e diferentes', obra destinada ao público familiar.
Ás 20.30 horas dese día 18, a acompañía De STE Xeito Producións ofrecerá o espectáculo 'Running' para público adulto.
A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio do centro cultural.
Ángel Moldes, alcalde de Poio, e Xaquín Agulla, presidente da SCD Raxó, destacaron na presentación do programa de actos a gran participación no certame literario con obras procedentes tanto do municipio como de puntos tan distantes como a Arxentina.