Tres bandas participan en Poio Sesións, que inclúe a gravación de maquetas en galego e un concerto

Poio
31 de outubro 2024
Actualizado: 17:30

Este xoves presentaron o proxecto en Raxó, no que participan 24 mozos do municipio

Presentación de Poio Sesións
Presentación de Poio Sesións / Concello de Poio

Poio Sesións é unha proposta do Concello para apoiar a creación musical emerxente no municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentaron esta iniciativa en Raxó acompañados polos mozos participantes.

Estes días comezaron os primeiros ensaios que levarán á produción e gravación de cancións inéditas en galego, así como de pezas audiovisuais e un concerto en directo no Nadal.

Ángel Moldes destacou a ilusión coa que nace este proxecto que aposta polo talento musical da xente nova.

Nesta primeira edición participan tres bandas. Unha de rock, con nove integrantes; outra de folk, integrada por dez mozos; e outra de música urbana, con cinco compoñentes.

En total, participan 24 rapaces que van recibir asesoramento e formación gratuíta da man de profesionais.

As tres bandas xa están ensaiando nos espazos municipais, e este sábado terán as primeiras sesións de produción musical no Centro Cultural Xaime Illa. Nas próximas semanas comezarán a edición e gravación de maquetas en formato MP3 e dun vídeo promocional, que gravarán polos espazos máis emblemáticos de Poio.

Por último, organizarase un concerto, a final de ano, para que o público poida disfrutar en directo do resultado deste traballo.