Ilustracións realizadas polas artistas Lucía Ferreirós, Abi Castillo e Ester Iglesias forman parte da exposición Arte Natura, inaugurada este venres no Casal de Ferreirós de Poio, e que engloba as obras destas tres mulleres unidas pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Todas elas mostran a súa particular visión da natureza a través da ilustración. Representan, segundo os comisarios da exposición, Sonia Area e Hugo Catania, o nacemento dunha nova xeración de artistas galegas que veñen a fortalecer as expectativas do futuro da ilustración en Galicia.
Lucía Ferreirós é unha artista coruñesa que presenta unha serie de ilustracións figurativas, realizadas a pastel, cargadas de contido simbólico que pertencen ao libro primeiro de A metamorfose de Ovidio. Presentan pequenas pinceladas oníricas que deixan entrever temas de carácter místico e antropolóxico. As baixas paixóns humanas quedan equilibradas coa realidade instintiva animal nunha ambientación vexetal que trata de expandirse.
Abi Castillo é unha artista viguesa influenciada polo surrealismo pop. Sitúa sempre o rostro feminino como centro do seu imaxinario pictórico conseguindo unir a súa visión da feminidade con motivos visuais relacionados coa nocturnidade, a auga, a natureza e o onirismo. Así, mostra unha serie de debuxos realizados a acuarela e técnica mixta que representan personaxes hiperestilizados e de faccións desoladas que forman parte do seu alter ego.
Ester Iglesias, pola súa banda, é una artista pontevedresa que presenta ilustracións realizadas a partir de técnicas dixitais e dirixidas a todo tipo de público. A súa obra está inspirada nun universo infantil de bosques de fantasía que se asemella aos que creamos cando somos nenos. Mostra o que a natureza esconde, baseándose na forma habitual de elementos naturais como as follas ou as ramas creando figuras escondidas de animais, persoas ou obxectos.
A exposición pódese visitar, en horario de luns a venres de 10 a 14 horas, ata o próximo 19 de decembro.