A Feira do Libro, que este ano non se celebrou en Pontevedra, xa ten substituta. E será integramente de carácter local. Trece librerías da cidade uníronse para participar na primeira Festa dos Libros, que se organizará na praza da Ferrería os próximos días 23, 24 e 25 de xuño, para celebrar a chegada do verán e animar aos pontevedreses para ler.
Durante tres días, Pontevedra converterase nun punto de encontro de escritores, libreiros e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento e convivencia entre os autores e o público.
As librerías que participarán son Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Nobel, Patakafrita, Paz y Seijas. Todas elas ocuparán uns postos de venda que abrirán de 11 a 14.30 horas e de 18 a 23.30 horas o venres 23 e o sábado 24. O domingo 25 estarán abertos de 11 a 14.30 horas e de 18 a 22 horas.
Todas as librerías ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras.
"É un evento diferente, nunca se fixera algo destas características", destacou a concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, que espera que o público aproveite a posibilidade de "achegarse de forma directa ao libros" e adquiran o hábito de acudir ás librerías da cidade.
Para Cano Paz, que actuou como portavoz das librerías, este evento será "moi distinto" ao que viña sendo a Feira do Libro "que pasaba sen pena nin gloria por Pontevedra". Neste sentido, celebrou que as trece librerías decidisen traballar xuntos, o que supón un "momento histórico" para o sector.
ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
Ao mesmo tempo que os libros saen á rúa para aproximarse aínda máis aos pontevedreses, a Festa dos Libros contará cunha ampla programación de actividades dirixidas a todos os públicos como presentacións de libros, firmas de autores, mesas redondas, recitais de poesía, contacontos, concertos ou talleres infantís.
Haberá actuacións de tres bandas pontevedresas, Furious Monkey House, o Seminario Permanente de Jazz e o dúo Primordiais, formado por Luís Martins e Marcelo DoBode.
Entre as presentacións de libros figuran as de Marta Robles, Manuel Jabois, Macarena Berlín ou María Oruña e, entre os autores que asinarán exemplares figuran Defreds, Eduardo Baamonde, José Balboa, Iria Collazo, Luis Davila, Miriam Ferradáns, Nuria Figueiredo, Gogue, Francesco Iannelli, Kiko Dasilva, Manuel Pérez Lourido, Alexander Vórtice ou Xosé Monteagudo.
Ana Cabaleiro e o seu libro Sapos e Sereas serán os protagonistas dunha velada literaria o venres pola tarde e María Xesús Nogueira e Antón Lopo ofrecerán o domingo un vermú poético. Haberá ademais unha mesa redonda con Montse Fajardo, Luís Bará e Susana Sánchez Aríns e un evento con motivo do orgullo LGBTI con Eva Mejuto e Carlos Callón.
Para o público infantil haberá diversos talleres, Polo correo do vento ofrecerá unha versión libre de O negriño Panchito de Castelao, representarase o espectáculo Volta, revolta e reviravolta e organizarase un roteiro familiar, o domingo, a cargo de Cristina Curral e Aurora Cascudo, no que os nenos deberán ir acompañados dun adulto, preferiblemente dos seus avós.
A oferta complétase cun Paseo pola Pontevedra Literaria, o sábado 24 ás 11.30 horas, coa poeta Lucía Novas, un taller para adultos de papel e coiro para a restauración de libros antigos e a presentación da revista Luzes, nunha conferencia de Xosé Manuel Pereiro sobre a tensión sexual non resolta entre o xornalismo e a literatura.