Tras sete tempadas en Pontevedra o Ciclo Voices leva as súas xiras a outras cidades

Pontevedra
19 de decembro 2023

Trátase dunha proposta musical que transmite calidade, diversidade e paixón, e que aposta polas mellores voces do panorama musical actual. Este ciclo, que chegou a colgar o cartel de "sold out" en varias ocasións, trouxo a artistas de primeiro nivel como The Divine Comedy, Morcheeba, Jorge Drexler, James Rhodes, Lila Downs, entre outros  

Concerto de Glen Hansard
Concerto de Glen Hansard / Diego Torrado

O Ciclo Voices, tras sete tempadas na cidade de Pontevedra, comeza unha nova etapa para levar xiras de recoñecido prestixio a outras cidades galegas. 

Trátase dunha proposta musical que transmite calidade, diversidade e paixón, e que aposta polas mellores voces do panorama musical actual. Este ciclo, que chegou a colgar o cartel de “sold out” en varias ocasións, trouxo a artistas de primeiro nivel como The Divine Comedy, Morcheeba, Jorge Drexler, James Rhodes, Lila Downs, entre outros.

Agora o ciclo Voices, xestionado pola promotora cultural I-radia Crea, inaugura a programación do próximo ano anunciando o concerto do artista irlandés Glen Hansard, que chegará á Sala Capitol de Santiago de Compostela o 19 de xuño de 2024, sendo a única data en Galicia dentro da súa xira europea.

As entradas, que terán un prezo de 28 euros (máis gastos de xestión), estarán dispoñibles na web entradasatualcance.com a partir deste mércores, 20 de decembro, ás 10 horas.

GLEN HANSARD

Gañador dun Óscar a mellor canción orixinal por "Falling Slowly", da película Once, que protagonizou xunto a Markéta Irglová, e membro fundador do grupo irlándes The Frames, Glen Hansard regresa aos escenarios tras catro anos para presentar o seu último traballo e quinto en solitario, "All that was East Is West of me Now"; un dos máis rockeiros da súa discografía e que transmite "unha promesa ao futuro máis que pensamentos de nostalxia ou queixumes".

Esta parada en Galicia será un dos concertos previstos na súa xira europea que o levará por outras cidades e países veciños como Italia ou Países Baixos.

A promotora compostelá dará a coñecer novas datas da súa programación proximamente.