Tras do ceo é o novo libro do escritor Manuel Rivas. Con el baixo o brazo, acudiu a Pontevedra para participar no ciclo Vermú entre libros da Libraría Paz.
Alí, acompañado do xornalista Ramón Rozas, debullou o contido desta novela, a primeira en nove anos, e que presentou ante o público pontevedrés neste faladoiro.
Este libro, editado por Xerais, é a primeira novela dunha serie histórica que Rivas quere vertebrar sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza.
Con Tras do ceo, o autor coruñés adéntrase no xénero negro cunha novela "radical, salvaxe e sen edulcorantes" e que, segundo o propio Manuel Rivas, "é diferente a calquera outra".
Co foco posto no ecoloxismo, na extinción da natureza ou no abuso de poder e a violencia por parte do home, Rivas presenta unha historia que mestura ficción e realidade.
Todo transcorre desde a óptica de Dombodán, o máis novo dunha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, que participan nunha batida na que o obxectivo é "O Solitario", un lendario porco bravo considerado moi perigoso.
No escenario agreste da batida, dúas mulleres sendeiristas afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda.
Despois, o que comeza sendo unha conversa informativa e amable irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, ata chegar a un punto de violencia verbal.