O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ que se celebra ata o sábado 24 na Illa de San Simón tamén chegará este mércores a Pontevedra. A Casa da Luz acollerá o primeiro dos actos abertos desta iniciativa dirixida por Yolanda Castaño e que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación.
Trátase dun recital multilingüe aberto e de balde previsto para as 20.00 horas no que os convidados recitarán nas súas linguas orixinais, seguidas das traducións ao galego, que este ano recaen sobre a coruñesa Estíbaliz Espinosa.
A actividade, que se repetirá en Vigo e Redondela, porá o grupo de tradutores participantes no obradoiro internacional en contacto co tecido cultural presente na Galicia sur e cos públicos lectores, á vez que significará para os autores internacionais unha intensiva introdución á cultura, lingua e literatura galegas in situ.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética é un proxecto pioneiro e único en España que sitúa Galicia no mapa da rede de iniciativas dedicadas ao intercambio entre linguas, poéticas e sistemas literarios. Conta na súa cuarta edición cun elenco da máis alta calidade literaria, chegado desde a diversidade lingüística de Asia e Europa, para enriquecer o corpus de traducións poéticas contemporáneas para cadanseu idioma.
Entre eles están Nikola Madzirov (Macedonia), Tal Niztán (Israel), Ostap Slyvynsky (Ucraína), Sholeh Wolpé (Irán), Josep M. Rodríguez (Cataluña), Yasuhiro Yotsumoto (Xapón) e a galega Estíbaliz Espinosa.