A XXVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar entre o 21 de marzo e o 6 de abril de 2025, renderá homenaxe por primeira vez á figura dos tradutores.
Francisco Xavier Senín e Isabel Soto serán os profesionais recoñecidos nesta cita coa literatura. Ambos son tradutores cunha longa traxectoria, que levan anos achegando á lingua galega obras de referencia como a serie de cómics de Astérix e Obélix e a obra Mal de escola de Daniel Pennac, entre outras.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que esta edición marcará un fito no evento ao non homenaxear as autores ou ilustradores, senón a dous tradutores de renome.
"O seu labor é fundamental para que a literatura de fóra de Galicia chegue ao galego e para que a cultura galega sexa máis visible nas linguas de fóra", afirmou.
Sobre o traballo de Soto, o edil subliñou a súa contribución ao verter ao castelán as obras de Agustín Fernández Paz, o que "amplía a proxección da nosa literatura".
A tradutora Isabel Soto agradeceu o recoñecemento e sinalou que esta homenaxe tamén visibiliza a importancia do traballo de tradución en Galicia.
"É unha celebración do noso labor e a discusión sobre o papel do tradutor na literatura infantil e xuvenil. Moitas das obras que temos traducido xuntos son icónicas, e contar co Salón do Libro como espazo para este recoñecemento é significativo", afirmou.
Pola súa banda, Xavier Senín resaltou a relevancia de dar visibilidade á figura do tradutor, xa que, como comentou, "a xente tende a lembrar aos autores e non sempre a quen fixo posible que esas obras existan na nosa lingua".
Defendeu Senín que o nome do tradutor debería estar máis presente nos libros, non só na páxina de créditos, senón tamén na portada, "aínda que sexa loxicamente a un nivel diferente que o autor".
Ambos traductores tamén apuntaron á necesidade de promover políticas públicas que favorezan a tradución e a difusión da literatura galega. "A literatura mundial ten moitas ausencias na nosa lingua, e é imprescindíbel traballar para que esto cambie", expuxo Soto.
Senín engadiu que "a literatura galega é extraordinariamente rica, pero é triste ver que non chega ao seu pobo. A cultura debe ser unha ponte entre creadoras, creadores e a xente".
Demetrio Gómez concluíu resaltando a responsabilidade da administración para dar visibilidade á cultura local e a importancia de levar a cultura galega ao exterior. "Neste Salón do Libro temos a ocasión de celebrar non só a literatura, senón tamén a tradución, que é un labor fundamental para a creación de lazos entre culturas", declarou.
Esta homenaxe aos tradutores será un dos moitos momentos destacados na programación do Salón do Libro de 2025, que terá como cultura convidada a Francia e o cinema como tema central.