Touriñán presentará o seu show autobiográfico 'Aquí Tou!' no auditorio de Sanxenxo

Sanxenxo
20 de marzo 2025

A función do coñecido humorista galego será o venres 25 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán e as entradas sairán á venda proximamente

Aquí Tou, de Touriñán
Aquí Tou, de Touriñán / Aine

O coñecido actor e humorista galego Xosé A. Touriñán fará parada en Sanxenxo o venres 25 de abril co seu novo monólogo 'Aquí Tou!', un percorrido autobiográfico cheo de humor, tenrura e anécdotas que está a arrasar nos escenarios galegos.

O espectáculo, que terá lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán, forma parte dunha nova xira que percorrerá sete teatros e auditorios de Galicia e que, por primeira vez,chegará ao Teatro Arlekin de Madrid o 5 de abril.

O humorista nesta montaxe fai un percorrido pola súa vida "desde a súa concepción nunha noite de San Xoán, ata un posible epitafio". 

Con máis de 20 anos de traxectoria profesional no audiovisual e no teatro, Touriñán mestura neste monólogo realidade con ficción, anécdotas propias e cultura popular galega, nunha viaxe pola súa particular biografía que está a conectar co público de todas as idades.

Aínda que as entradas para o espectáculo en Sanxenxo non están aínda á venda, sairán proximamente a través da páxina web oficial aquitou.gal, onde tamén se pode consultar toda a información sobre espazos e horarios do resto da xira.

O monólogo chega tras unha intensa traxectoria do actor, que comezou a súa carreira no 2002 co dúo cómico Os dous de sempre e que en 2005 deu o salto á Televisión de Galicia, onde gañou popularidade coas Cantareiras de Ardebullo no programa Luar.

Desde entón, Touriñán converteuse nun rostro imprescindible da escena audiovisual galega, con participación en series como 'Padre Casares', 'Land Rober', 'Tourilandia' ou 'Era Visto!', ademais de traballos no cinema como 'Cuñados' e '+Cuñados', e en series nacionais como 'Fariña' ou 'El desorden que dejas'.

Actualmente tamén está en xira xunto con David Perdomo con Corentena · Game Over e, nos últimos anos, obtivo numerosos éxitos de público nas súas propostas escénicas co actor Carlos Blanco.

Xosé A. Touriñán
Xosé A. TouriñánAine