Touriñán e Perdomo traerán a súa "Corentena" a Pontevedra

Pontevedra
02 de febreiro 2024

Dous dos principais cómicos galegos, David Perdomo e Xosé A. Touriñán, entraron nos corenta anos confinados na casa. Desa "dobre corentena" naceu o espectáculo co que actuarán en Pontevedra. Será o 18 de maio, con dúas funcións, no auditorio de Afundación

David Perdomo e Xosé A. Touriñán, en "Corentena"
David Perdomo e Xosé A. Touriñán, en "Corentena" /

Dous dos principais cómicos galegos, David Perdomo e Xosé A. Touriñán, entraron nos corenta anos confinados na casa. Desa "dobre corentena" naceu o espectáculo co que actuarán en Pontevedra. Será o 18 de maio, con dúas funcións, no auditorio de Afundación.

"Corentena" vén das conversas que ambos os dous mantiveron naquela época en directo a través de Instagram, compartindo historias e personaxes que ían inventando cada noite coa axuda do que tiñan pola casa e dos filtros da coñecida rede social.

Estas conversas foron un éxito e o número de usuarios conectados non paraba de crecer cada nova xornada. A xente interactuaba con eles e, sobre todo, pasábao ben durante esa hora que Instagram fixa para este tipo de conversas.

Os dous cómicos recuperan agora ese formato para levalo aos escenarios. Empregando máscaras, gorras e lentes, Touriñán e Perdomo retoman aqueles personaxes e historias nun espectáculo no que a interacción co público e a improvisación xogan un papel fundamental. 

O espectáculo xoga coas regras do directo e coas rutinas da improvisación, creando un espectáculo único cada noite no que o espazo e o público determinan en boa medida o que vai acontecer sobre o escenario.

As entradas para as dúas sesións de "Corentena", ás 20:00 e ás 22:30 horas, xa están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.