Xa está aquí o XVIII Salón do Libro de Pontevedra, que se celebrará entre o 10 de marzo e o 2 de abril no Pazo da Cultura. Anxos Riveiro, concelleira de Cultura, anunciaba este venres as claves que guiarán a edición deste ano: a concienciación dos escolares en cuestións de medioambiente, diversidade e inclusividade.
"Este é o Salón do Libro máis comprometido cunha transformación radical do mundo no que vivimos", comentou Riveiro sobre esta nova edición.
Un total de 300 actividades desenvolveranse durante as tres semanas que durará o salón. Contacontos, obradoiros, proxeccións, teatro e música para os máis pequenos, ademais de presentacións de libros, charlas e seminarios para docentes, son algunhas das ofertas desta nova edición, todas enfocadas a ensinar aos nenos (e que nos ensinen eles) a construír un mundo mellor.
Para iso, 50 centros de Pontevedra e a súa comarca participarán este ano cos seus traballos, uns 5.110 nenos, o que supón un incremento do 16% respecto ao ano pasado. O seu obxectivo, conta Anxos Riveiro, é que nos ensinen "como entenden que debería transformarse [o mundo]" e "como queren os nenos que sexa esta transformación". A maiores prevese que uns 5.300 nenos acudan aos sete espectáculos organizados e a que, a maiores, as visitas cheguen á "cifra espectacular" de 3.600 persoas.
Ademais das numerosas actividades que se desenvolverán no Pazo da Cultura, diversas librerías de Pontevedra aloxarán sesións de contacontos todos os días (fóra dos domingos) ata o xoves 9 de marzo a partir das 18:00 horas. Tamén haberá lugar para as exposicións, que se repartirán entre o Pazo, o recinto feiral e a Biblioteca Pública Antonio Odriozola. O humorista gráfico Luis Davila, os traballos do alumnado do Mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual ou as ilustracións de Escaquis e Romeu, editado polo propio Salón do Libro, son algunhas das opcións.
O XVIII Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra inaugurarase o vindeiro venres 10 de marzo e permanecerá aberto todos os días ata o 2 de abril. O horario de apertura ao público será de luns a venres de 17:00 horas a 20:00 horas e sábados, domingos e festivos, de 11:00 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas.
Para inscribirse nas actividades que se desenvolverán, haberá que presentarse cunha hora de antelación no vestíbulo do Auditorio do Pazo.
Para máis información sobre a programación do Salón, visitade esta ligazón.