O 23 de abril iniciarase a programación do XXII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que chega con novidades, presentadas este venres por Carmen Fouces, concelleira de Cultura, acompañada pola mascota do evento, o lobo Orbil.
Debido á pandemia, este ano as actividades realizaranse tanto en formato en liña como presencial, pero cun límite moi estrito e reducido de público para as actividades que se desenvolverán no Pazo da Cultura e na Illa do Covo.
Todas as propostas terán carácter gratuíto, pero sempre será preciso inscribirse previamente para participar en calquera das actividades. As reservas abriranse por semana, de mércores a mércores. Fouces incidía no feito de que no caso de que algunha persoa non poida acudir a un acto ao que se apuntou avise canto antes a través de [email protected] indicando o día, a hora, actividade e número de prazas que poden deixar liberadas para que outras persoas poidan optar a ocupar ese espazo. As diferentes actividades serán retransmitidas en streaming malia que conten coa posibilidade de asistencia presencial.
A inauguración será ás 18.30 horas do venres 23 no Auditorio do Pazo da Cultura cunha montaxe que leva por título 'Non o ves? Salvemos o planeta', dirixido por Marcelo Dobode e presentado por Mariña Paz coa participación do Coro da Xunqueira, Xingro' s Big Band, Silvia Martín e Lucía Franco. Tamén poderá ser seguido por streaming a través das canles do Salón en Youtube.
Ata o 9 de maio desenvolveranse numerosas actividades entre as que destacan as estreas de catro espectáculos: 'Ás para Alex', da compañía Baobab Teatro; 'A auténtica vida salvaxe', unha montaxe musical con Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra; 'Cantos que contan', creación elaborada a partir do libro-disco 'Lingua Guapa: Contos que cantan' de Fina Casalderrey e Néstor Blanco; e 'Feira de sementes', unha proposta para bebés a cargo de Babaluva.
Presentaranse varias exposicións no Pazo da Cultura entre as que destaca a do debuxante Miguelanxo Prado e as de Helena Villar Janeiro e Kiko Dasilva, autores que foron homenaxeados na anterior edición pero que recibirán tamén o recoñecemento persoal o sábado 8 de maio. Establecerase, por outra banda, un sistema de préstamo de libros no Pazo a Cultura dentro da biblioteca que forma parte do Salón.
Outra das novidades atópase en que este ano non haberá un país invitado, senón que será o planeta enteiro o que colabore virtualmente coa Rede de Escolas Asociadas da Unesco de todo o mundo. A proposta será crear lazos para cambiar as formas de vida e de consumo para asegurar un futuro ambiental e sostible. Dentro desta idea, Matrioska poñerá en marcha a creación dunha pintura mural nun lateral da Xunqueira na zona de acceso á Illa do Covo.
Segundo explicaba Carmen Fouces, 17 escolas do municipio colaboraron no desenvolvemento das distintas propostas desta edición pero, nesta ocasión, será imposible que poidan acudir masivamente ao Pazo dá Cultura como sucedía antes da pandemia, por este motivo, desde a organización decidiuse levar contacontos ás distintas escolas, ademais da posibilidade de que poidan seguir telematicamente as propostas que diariamente ofrece o Salón.
Tamén se poñerá en marcha o Rodalibros, un vehículo que se moverá por parroquias e barrios de Pontevedra coa intención de trasladar a literatura infantil e xuvenil a aqueles menores que non vivan no centro urbano, onde se activará o Orbil Parade coas sete estatuas do lobo Orbil. A intención é que o público infantil explore e descobre os lugares nos que se atopan e fagan unha foto para enviala a [email protected] ou a colguen nas súas redes usando o cancelo #OrbilParade.
A concelleira de Cultura presentaba tamén o cartel, elaborado por Aida Alonso, unha artista que traballa realizando colaxes e que plasma elementos do tema que será o punto central do Salón, a Emerxencia Literaria, desde un punto de vista cheo de "optimismo e esperanza", afirmou Fouces.
O domingo 9 de maio finalizarán os actos da ampla programación cun concerto de clausura a cargo de RockLab: 'Rock para salvar o planeta'.