"Titiricircus", de Tanxarina Títeres, celebra o seu 25 aniversario no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
05 de marzo 2013

A obra de teatro de monicreques Titiricircus cumpriu 25 anos de representacións, durante os cales Tanxarina Títeres realizou máis dun milleiro de actuacións dentro e fóra de Galicia. A compañía, que este ano cumpre 30 anos de traxectoria artística, segue festexando o aniversario de Titiricircus e vai actuar no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

"Titiricircus", de Tanxarina Títeres, obra que cumpre 25 anos sobre o escenario
"Titiricircus", de Tanxarina Títeres, obra que cumpre 25 anos sobre o escenario / Tanxarina Títeres

A obra de teatro de monicreques Titiricircus cumpriu 25 anos de representacións, durante os cales Tanxarina Títeres realizou máis dun milleiro de actuacións dentro e fóra de Galicia. A compañía, que este ano cumpre 30 anos de traxectoria artística, segue festexando o aniversario de Titiricircus e vai actuar no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, no Pazo da Cultura, o xoves 7 e o venres 8 a partir das 17:30 horas.

⿿Titiricircus⿝, que vén de ser seleccionado para escenificarse na 17ª Feira de Artes Escénicas de Castilla-La Mancha, tamén se publicou en formato álbum ilustrado, no catálogo dos Libros para Soñar de Kalandraka, con ilustracións de Pablo Giráldez 'O Pastor'.

Trátase dun álbum para nenos e nenas a partir de cinco anos que conta a historia de dous traballadores dun vello circo desaparecido, lembrando os éxitos da súa carreira artística cos seus monicreques. O equilibrista do monociclo, o home máis forte da Península Ibérica, o encantador da serpe Josefina ou o malabarista bailarín son algúns deses entrañables personaxes que fixeron vibrar de emoción a varias xeracións de cativos.

A proposta plástica desta obra ofrece unha visión de conxunto do teatro entre bambolinas: dende o proceso de elaboración e pintado dos monicreques, as numerosas viaxes da compañía dunha vila a outra, a posta en escena e as interioridades dos espectáculos. Trátase dunha homenaxe ao circo de gran formato e ao labor dun grupo de actores que, no caso de Tanxarina, aúna vocación, experiencia e prestixio.

Andrés Giráldez, Eduardo Alberto Rodríguez 'Tatán' e Miguel Borines foron alumnos de Harry Tozer, profesor do Institut del Teatre de Barcelona; fundaron Tanxarina en 1983 e especializáronse en espectáculos para público infantil, xuvenil e familiar, combinando varias técnicas de animación de bonecos coa faceta actoral e a relación escénica entre títeres e actores.

Deste xeito dotaron de maior forza expresiva e comicidade as súas actuacións con monicreques de fíos, títeres de luva ou de varillas, sombras chinesas ou bunrakus, como se coñece o teatro de monicreques xaponés. Actúan nos principais festivais nacionais e internacionais. Tamén colaboran nas montaxes doutras compañías de teatro de actor, así como en producións audiovisuais de cine, televisión, publicidade ou dobraxe.

Ademais, imparten cursos de construción e manipulación de títeres, monicreques, máscaras e cabezudos e no ano 2000 comezaron a dirixir o Festival Internacional de Títeres de Redondela, no que actualmente desenvolven a parte artística. A compañía recibiu o Premio Xeración Nós, o Premio Xiria e o Premio María Casares, entre outros galardóns.