A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) inicia unha xira polas parroquias de Pontevedra para presentar o último espectáculo creado neste espazo de formación interpretativa, que depende da concellería de Cultura do Concello de Pontevedra.
A obra titúlase 'Tiqtoqueiras' e será representada este sábado 8 de xuño, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Lérez.
O sábado 15 de xuño a función realizarase no Centro Social dos Campos, en Mourente, a partir das 21.30 horas.
Ambas as funcións son de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade dos recintos.
'Tiqtoqueiras' é un espectáculo escrito polas intérpretes afeccionadas que integran o elenco, composto por 15 actrices e un actor, con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos.
Ambientada nun manicomio virtual, a obra ofrece unha reflexión cómica sobre as diferentes dependencias que se derivan do uso permanente e enfermizo das redes sociais.
A montaxe ofrece humor, música e crítica social, adaptada a público de todas as idades.
TRAXECTORIA DA ATM
A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra é un espazo de formación teatral polo que deron os seus primeiros pasos escénicos intérpretes como Bea Campos, Pia Nicoletti, Santi Cuquejo, a cantante Laura Cruxeiras ou o actor de dobraxe Antonio Morillo.
Desde a súa formación obtivo premios en certames teatrais de Galicia e tamén do Estado como en Reinosa (Cantabria) ou Villacañas (Toledo).
A ATM colabora habitualmente nas montaxes da formación Os de Algures e desenvolveu propostas escénicas como 'Rúas con Memoria', a partir de textos da escritora Montse Fajardo, sobre mulleres pontevedresas represaliadas.