The Rapants, este mércores nas Festas do Albariño en Cambados

O Salnés
28 de xullo 2024

O concerto de The Rapants é unha das 59 actuacións de +Música que se están a celebrar entre maio e setembro nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro

The Rapants
The Rapants / The Rapants

A Deputación de Pontevedra levará este mércores ata Cambados ao grupo The Rapants. O concerto da banda galega do momento forma parte da programación da Festa do Albariño e terá lugar ás 22:00 horas na Praza de Fefiñáns.

Naturais de Muros, Samuel, Matías, Xaquín e Xanma forman este grupo que navega entre o indie, o pop e o garage. Con apenas catro anos de concertos ás súas costas, en 2023 participaron en corenta festivais e salas de Galicia, como o Revenidas, o Festival da Luz, o Festival das Carrilanas e o Surfing the Lérez, entre outros.

Este ano, nos seus concertos, presentan o seu último disco, 'La máquina del buen rollo', un traballo que explora estilos que van desde o rap ata o rock, o country ou a música disco.

O concerto de The Rapants é unha das 59 actuacións de +Música que se están a celebrar entre maio e setembro nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro.

Este programa provincial ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.