A Festa do Mar de Combarro, que se celebrará entre os días 22 e 25 de agosto, xa ten pechada a súa programación musical. The Rapants, Bombai, Soraya Arnelas, Broken Peach, Remember Queen e La Ocaband serán os que pisen o escenario durante toda esa semana.
O goberno municipal de Poio destaca que, como a edición do ano pasado, a Festa do Mar volverá a apostar por impulsar o seu espírito mariñeiro, coidando os decorados, mesturando gastronomía e cultura e cunha programación ampla e variada para todas as idades.
"Pensamos nunha programación variada, que ofreza propostas para todas as idades e para todos os gustos", explicou o concelleiro de Festexos, Fran Dasilva. Todos os concertos serán gratuítos.
O xoves 22 actuarán a orquestra La Ocaband e Broken Peach, un grupo que leva anos triunfando nos escenarios e que hai unhas semanas presentaban Welcome to the Brokenlands, o seu primeiro disco con cancións orixinais.
O venres será The Rapants a que porá a música en Combarro. A banda de Muros, que navega entre o indie, o pop e o garage, ten unha identidade propia e moi marcada, que desborda talento, actitude e diversión sempre ao servizo do público.
Acaban de sacar o seu último traballo co título La máquina del buen rollo, un LP co que a banda camiña cara o asentamento profesional e a súa aposta por un estilo propio, cargado de rifs de guitarra e sintetizadores.
As actuacións de Bombai e Soraya Arnelas serán o sábado 23 de agosto.
Bombai é un grupo valenciano que se deu a coñecer co single Solo si es contigo, un tema fresco e positivo cun son pop-rock e un toque reggae moi coidado que contou coa colaboración da cantante extremeña Bebe. Despois virían Imparables, Superhéroes ou Tú me has cambiado.
Soraya Arnelas, pola súa banda, é unha cantante que se deu a coñecer no ano 2005 no programa Operación Triunfo. Desde entón conta con éxitos musicais como Dreamer, Feeling You, Con fuego ou Universe in me. Con Earthquake, a súa nova canción, inaugura unha nova etapa.
Por último, o domingo será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo que no seu tour europeo fai parada en Poio. Unha homenaxe a Queen, á súa música e á figura do seu líder, Freddie Mercury, que xa foi vista por máis de tres millóns de espectadores.