Nova función de Ponteatro no Pazo da Cultura. Nesta ocasión o Centro Dramático Galego puxo en escea 'Terceiro acto'.
A obra reflexiona sobre o terceiro acto da vida onde o presente e o futuro se entrelazan, e aborda temas coma a vellez, a morte e os desexos desta etapa vital.
É unha reivindicación do papel que as persoas maiores xogan na sociedade.
O espectáculo é un lugar de encontro que ten a conversa entre os actores e actrices coma base.
A obra é unha peza á vez cómica, sombría e fermosa. Un poema escénico sobre a memoria e os soños; un exorcismo, unha celebración da vida e do teatro.
As responsables da dirección e dramaturxia desta produción, Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, presentan a proposta deste espectáculo que se representou por primeira vez en 2021 e que se reestrea agora dentro da programación coa que o Centro Dramático Galego celebra este ano o seu 40º aniversario.
En 'Terceiro acto' unha troupe de actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que, quizais, sexa a súa última aventura xuntos. Cinco persoas que naceron nunha ditadura e que na súa mocidade creron que podían comezar de cero e loitar por un novo mundo.
Nesta noite revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos, analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto.
Pregúntanse polo proceso de irse facendo maior, falan dos anhelos, das perdas, dos soños que lles quedan por cumprir dentro e fóra dun escenario, do lugar onde os coloca a sociedade ao írse facendo maiores.
En escena están Belén Constenla, César Goldi, Fernando Morán, María Costas e César Cambeiro. A escenografía foi deseñada por Marta Pazos, o vestuario por Yaiza Pinillos, a coreografía é de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz.