A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia comezará a escribir a súa terceira edición a partir do vindeiro 8 de febreiro.
Neste 2022 serán de novo 6 obradoiros (3 en Vigo e 3 en Pontevedra), cun total de 90 prazas e cun claustro formado por tres autoras, Inma López Silva, Elvira Ribeiro e Anna Figueiredo, e dous autores, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, baixo a dirección de Francisco Castro.
A presidenta Carmela Silva participou na sede provincial en Vigo na presentación das novidades desta terceira edición xunto ao director e ao escritor García Teijeiro, e subliñou que este proxecto estrela "xa pode falar dunha historia de éxito" pois a pesar de ter nacido nun escenario de pandemia, foi quen de "poñer en valor a literatura, as letras, as persoas que se dedican a ela, os lectores e lectoras e os escritores e escritoras que van nacer da Escola".
De feito, nas dúas anteriores edicións foron 355 as persoas participantes nos 12 obradoiros desenvolvidos e nas 4 máster class.
O director de Galaxia e da Escola, Francisco Castro, que destacou que esta iniciativa existe "porque un día decidimos conxugar o verbo amar" e pola "complicidade" da presidenta e da Deputación, avanzou as novidades desta terceira edición, que este ano se desenvolverá entre os meses de febreiro e novembro.
Arrancará o 8 de febreiro co primeiro dos obradoiros de Inma López Silva en Vigo, e amais dos seus obradoiros programados, incluirá de novo máster class con autores e autoras de prestixio, abertas á cidadanía e que se espera que este ano sexan tamén presenciais.
No caso dos cursos, será novidade o que ofrecerá Anna Figueiredo, titulado "Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas", que responde a unha demanda do alumnado e que "será máis aberto, para falar de cuestións como tratar cunha editorial ou os premios literarios".
Ademais, anunciou a publicación do segundo volume con textos dos participantes da II edición da Escola, "Tes cinco minutos #2", co gallo do Día do Libro, e avanzou que tamén neste 2022 se editará a primeira obra, de corte fantástica, dunha alumna da Escola de Letras.
Outra das novidades estará no sistema de inscrición que se abrirá para cada un dos cursos (todos eles de 15 prazas "para unha atención máis individualizada") un mes antes do inicio. Deste xeito, a partir de mañá martes 18, ás 8 horas, abrirase o prazo para asistir aos dous primeiros cursos, de Inma López Silva, que se desenvolverán entre febreiro e abril. As persoas interesadas deberán inscribirse en [email protected].
PROGRAMACIÓN
Os obradoiros literarios deste 2022 arrancarán cos que ofrecerá Inma López Silva en Vigo (8, 15 e 22 de febreiro; 8, 15, 22 de marzo e 5 e 19 de abril) e Pontevedra (10, 17 e 24 de febreiro; 3, 10, 17, 24 e 31 de marzo), e continuarán co de poesía de García Teijeiro en Vigo os días 26 e 27 de abril.
Retomaranse en setembro, cando iniciarán os seus obradoiros Anna Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 dese mes; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro) e Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro). En outubro arrancará o obradoiro de poesía que impartirá Elvira Ribeiro, en Pontevedra (18 e 25 dese mes). Todos serán de 18 a 20 horas agás o de Anna Figueiredo, de 19 a 21 horas.