Os días 18, 19 e 20 de agosto, o porto mariñeiro de Vilaxoán volverá a ser un dos epicentros culturais máis importantes do verán galego cunha nova edición do festival Revenidas. E para esa cita, os seus organizadores revelaron xa o nome das dúas primeiras bandas que actuarán nel. Trátase de Terbutalina e La Pegatina.
O festival converterase de novo nunha festa musical e familiar que contará cunha ambiciosa programación, tanto nos concertos como nas actividades paralelas.
O garage-punk festeiro de Terbutalina é un dos primeiros en sumarse ao festival. Presentarán en Vilaxoán o seu último traballo, Al otomano se le va la mano, gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Jim Diamond (The White Stripes, The Sonics) en Ghetto Recorders (Detroit). É un dos grupos máis coñecidos das salas e festivais de toda a xeografía galega.
La Pegatina, pola súa banda, é un grupo catalán que estivo en máis de 24 países superando o milleiro de concertos nos seus 14 anos de existencia. O seu estilo é variado: pasan do merengue á rumba ou ao ska con gran facilidade para acabar enloquecendo á xente con punk xitano ou, simplemente, cánticos hooligans.
Os abonos para os tres días do festival xa están á venda por 26 euros a través da páxina web do festival: www.revenidas.com.