Temples completa a nómina de bandas da primeira edición do Atlantic Fest

O Salnés
17 de xuño 2016

O Atlantic Fest xa ten completo o cartel para a súa primeira edición, que como xa se anunciou, celebrarase na Illa de Arousa os días 1, 2 e 3 de xullo. Pecha a súa nómina de artistas con Temples, un grupo que desde a súa formación esperta, de maneira unánime, a admiración de todo o que o escoita, segundo sinala organización do festival

Temples, nunha das súas imaxes promocionais
Temples, nunha das súas imaxes promocionais

O Atlantic Fest xa ten completo o cartel para a súa primeira edición, que como xa se anunciou, celebrarase na Illa de Arousa os días 1, 2 e 3 de xullo. Pecha a súa nómina de artistas con Temples, un grupo que desde a súa formación esperta, de maneira unánime, a admiración de todo o que o escoita, segundo sinala organización do festival.

Temples será un dos grandes protagonistas do Atlantic Fest. É, sen dúbida, unha das bandas do momento. Johnny Marr e Noel Gallagher declaráronse fans e Suede convidáronos a irse de xira con eles. O seu disco debut ocupou ademais os postos máis altos das listas do mellor do ano na súa saída e a miúdo compáranos con outras bandas como Tame Impala, Toy ou MGMT. Eles pecharán o festival o sábado 2 de xullo co seu impecable directo.

Pola súa banda, á oferta do domingo 3 de xullo súmanse catro bandas.

Músculo! é unha banda pontevedresa que está lista para dar o salto e publicar o seu primeiro longa duración. A súa aposta de baile cristalízase con este disco. A electrónica gañou a batalla, algo que queda evidente neste novo lanzamento que moi pronto verá a luz.

Best Boy é un grupo que se está convertendo en toda unha revelación da escena musical en Galicia. As súas influencias van desde o blue grass ao funk máis clásico, desde o soul da Motown ata o rock sureño, o pop ou o jazz.

Pálida é unha das grandes propostas da escena. Tras uns comezos moi ligados ao rock e interesado en mesturar os seus elementos con aqueles propios da música electrónica, o proxecto foi mutando ata chegar á súa actual forma, completamente centrada na pista de baile. Unha visión que conxuga elementos de techno, house, IDM, ambient e minimal para crear unha visión tan única como absolutamente reconocible.

Diola nacen das cinzas dos xa desaparecidos Unicornibot. A banda non é un fin senón un medio e non é un grupo senón un laboratorio. É guitarra, baixo, batería, caixas de ritmos, sintetizadores, programacións e voces, fluíndo a través de tres intérpretes un pouco tocados e bastante travesos.

O último grupo confirmado, que actuará na Illa o venres, é Pantis que presenta Pranto, a súa primeira referencia, un álbum intenso e delicado, que camiña entre o pop e o kraut, coa electrónica como base. Pantis é o proxecto en solitario do músico grovense Rubén Domínguez, que tamén forma parte do grupo Chicharrón.