- Señoritas, empezamos la clase, saquen sus costureros, que hoy les enseñaré a hacer punto de cruz, que ya saben que coser empodera mucho.
Unha única frase e en apenas 23 palabras resume o funcionamento do ensino e o papel que se asignaba á muller en España durante 40 anos. Pronunciouna este xoves no instituto Luís Seoane de Pontevedra Josefa, mestra durante o franquismo interpretada pola actriz da aula Municipal de Teatro de Pontevedra Pilar Boullosa, e con ela pechou media hora de teatro, de memoria e de historia e deu moito que pensar. Ademais de a un forte aplauso, deu pé a un intenso debate entre alumnado de cuarto curso de ESO, profesorado, o elenco da representación e Montse Fajardo, coordinadora do programa municipal A Memoria das Mulleres.
Esta frase puxo punto e final a catro escenas curtas nas que, a través das vivencias de tres mulleres pontevedresas que viviron na España da II República e o Franquismo, profundouse na transformación do ensino que supuxo o golpe de estado de 1936 e as catro décadas seguintes de ditadura. O papel da muller, a represión e as desigualdades entre clases sociais están no transfondo das catro pezas teatrais.
- O cura non ten nada que dicir, Elvira! Que estamos na República!! E esa nena, porque estou seguro de que vai ser unha nena, non vai ter que pedirlle a ninguén que lle escriba cartas, porque eu mesma lle vou ensinar a escribir e a ler! E a ti tamén!! Qué che parece?
Díxoo na primeira escena da obra Tucha Dios, interpretada por Begoña Diaz, a Elvira Lodeiro (Alexandra Vicente), que anos (e neste caso, escenas) máis tarde será represaliada, pero que nese momento, na II República, transmite o cambio radical de oportunidades que traía ese réxime democrático.
As distintas escenas supoñen toda unha mirada a dúas épocas tan diferentes da historia de España a través de tres personaxes. Trátase de tres mulleres, Elvira Lodeiro (Alexandra Vicente), Tucha Dios (Begoña Diaz) e Josefa (Pilar Boullosa), as dúas primeiras pontevedresas que foron represaliadas polos golpistas e a terceira, unhaque pasou de esixir a unha mestra da República menos liberdade para as mulleres e as clases baixas a asumir o rol de ensinar ás novas xeracións na ditadura.
As escenas representáronse este xoves ante alumnado de cuarto de ESO do Luís Seoane en tres representacións diferentes polas restricións de ocupación e distancia social derivada da pandemia da covid-19 e chegarán nas próximas semanas tamén a outro instituto, o CIFP A Xunqueira, con dúas sesións. Todas as representacións forman parte do programa municipal A Memoria das Mulleres, que este ano decidiu levar aos centros educativos contidos relacionados coa memoria histórica e a muller a través de propostas innovadoras. Unha delas é este ‘Teatro con historia’.
A iniciativa é posible grazas á colaboración da aula Municipal de Teatro, dirixida por Anxo Lourido, e a un equipo que inclúe a Carmen Díaz Rodiño na asistencia técnica. A Aula permite ao alumnado achegarse ás biografías destas dúas pontevedresas fusiladas -Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro- dunha forma lúdica.
Ademais, tal e como explica Montse Fajardo, permite coñecer o paso dunha escola concibida baixo os preceptos da II República, onde tiñan cabida todos os nenos e todas as nenas independentemente da súa condición económica" a outra no franquismo "onde se volve impoñer os postulados da igrexa católica e esa visión de que as mulleres nada máis que teñen que ser nais e esposas, que non teñen ningún papel na sociedade franquista". Tres "actrices marabillosas" representan ese cambio de visión, "dunha sociedade máis libre a unha sociedade moito máis gris e con moitas menos liberdades".
Nos debates posteriores ás representacións, trasladou ao alumnado que abordar estes cambios "agora é mesmo máis necesario que cando ideamos esta actividade antes da pandemia" porque na sociedade española actual "hai unha perigosa volta atrás en canto ao ideario fascista". Esa represión hai que combatela "con memoria e lembrando o que pasou hai nada, na época da miña avoa ou das vosas bisavoas", trasladou.
Así, insiste en que a represión que se representa neestes escenas "é algo que lle pasou a xente que convive con nós, que non pasou hai tanto tempo e que nos demostra que non se pode coquetear co fascismo porque trae unhas consecuencias devastadoras para toda a sociedade". Fajardo considera que "ver cara onde nos levan os postulados fascistas é moi importante para non dar pasos atrás e máis neste momento non que estamos vendo moitas cousas que non nos gustan nada".
Con esta proposta teatral lograron chegar ao público máis novo. Confírmao Manuel, un dos alumnos presentes, que agradece que a actuación se fixese en galego, o "moi ben" que actuaron as actrices e que se trate dunha representación baseada en acontecementos reais porque "sabes que esta persoa existiu, o que sufrieron esas persoas, poste na súa pel e ves o que sentiron eles e vese moito máis realista".
Mila, compañeira de aula, considera especialmente interesante poder ver a situación das mulleres e que "na República había moita máis liberdade e coa ditadura volvemos moito para atrás e todos os dereitos que adquirimos volvemos a perdelos e costou moito volver recuperados". Agradece tamén que sexan historias reais para que se aprenda "que iso realmente pasou, que non é unha esaxeración".