O Museo de Pontevedra iniciará o ano con dous novos espectáculos de teatro e monicreques dirixidos a toda a familia. Estarán protagonizados polas compañías Píscore e Tarabelos.
O xoves 2 de xaneiro, ás 18:00 horas, a compañía Píscore presentará Molto barroco, unha comedia musical para público de todas as idades.
Molto barroco é unha premiada montaxe que transita entre o teatro, a música barroca, a comedia e a participación do público, cunha exquisita banda sonora que combina pezas clásicas e composicións orixinais de Adrián Saavedra.
Con motivo do baile de petición de man da súa prometida, o rei encarga ao compositor da corte unha peza orixinal.
Esta solicitude desencadea unha serie de escenas cómicas entre o compositor e os seus tres músicos de cámara nas que teñen cabida todo tipo de escenas cómicas, números musicais, bailes e ata xogos malabares.
Xa o venres 3 de xaneiro, tamén ás 18:00 horas, Tarabelos porá en escena o espectáculo de marionetas Un nadal cheo de contos, dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos.
Este espectáculo de monicreques e contacontos fala dun Nadal cheo de contos, que viaxan nas nubes e no vento e chegan a nós arrastrados polas chuvias, as neves, a poalla e polas fortes tormentas do inverno.
Ambas actuacións terán lugar no Edificio Castelao. Terán entrada de balde ata completar a capacidade.