Teatro contra os estigmas sociais que crean os canons de beleza

Pontevedra
18 de outubro 2024

Esther F. Carrodeaguas recorreu a unha crúa sinceridade e ao seu clásico humor irónico para abordar a relación co seu corpo e a gordofobia que se respira en todos os recunchos da sociedade

Representación de "O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada", en Ponteatro
Representación de "O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada", en Ponteatro / Mónica Patxot

Coas entradas esgotadas chegou a Pontevedra a actriz, directora e, sobre todo, escritora Esther F. Carrodeguas, protagonista absoluta da segunda función do ciclo Ponteatro.

Fíxoo para ofrecer sobre as táboas do Teatro Principal, no medio dunha gran expectación, un monólogo creado por ela mesma sobre o estigma que padecen as mulleres con sobrepeso.

En O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a artista de Rianxo recorre a unha crúa sinceridade e ao seu clásico humor irónico para abordar a relación co seu corpo e a gordofobia que se respira en todos os recunchos da sociedade.

Pero con este monólogo, Esther F. Carrodeguas tamén reflexiona sobre o feito de que, por moito que o neguemos, esa fobia á obesidade sempre está presente, sobre todo porque está dentro de cada un de nós.

A próxima cita co ciclo Ponteatro será o xoves 31 de outubro.

Será con Noso, o último espectáculo da compañía Os Náufragos, unha dramedia que visibiliza o conflito xeneracional e a sensación de pertenza ao lugar de onde vimos.

Faino a partir da historia duns irmáns que se reúnen para despedirse do espazo no que creceron, a casa da súa infancia, que están a piques de perder pola construción dun parque eólico.