Unha combinación entre teatro, cine, patrimonio e tradición son a aposta do Concello de Sanxenxo para a celebración das Letras Galegas, que arrancou este venres nos colexios de Magaláns e A Florida cunha sesión de teatro para Infantil e Primaria chamada 'Xeliña fala galego', da compañía Caxoto.
A obra, adaptación de 'Non te amola!', dirixida ao público infantil e en gran medida autobiográfica da nenez de Xela Arias, autora á que adicarán as Letras Galegas este ano, Caxoto visita a súa figura dende a experiencia como neno que viviu na década dos 90 compartindo os mesmos referentes que Arias con lembranzas, historias de vida, contos e cantigas. Esta sesión estará a vindeira semana nos centros educativos de Nantes, Noalla, Portonovo e Vilalonga.
No IES Sanxenxo, IES Vilalonga e Colexio Abrente relizarán en colaboración cos equipos de normalización lingüística unha unidade didáctica a partir da proxección do filme 'María Solinha' onde o director da película traballará vía streaming co alumnado.
No eido educativo tamén haberá concurso Picariños organizado por Circulo Cultura e Deportivo de Sanxenxo.
Pola súa banda, os sete grupos folclóricos do municipio achegarán a tradición e o patrimonio. Coordinados por Soalleira e en colaboración coa Concellería de Cultura, os grupos Abiñadoira, Os Gatiños, Lembranzas, Retesías, Airiños da Lanzada e Os Cruceiros percorrerán nun vídeo homenaxe a Xela Arias lugares emblemáticos das sete parroquias de Sanxenxo. O vídeo o colgarán nas redes sociais municipais.
O 17 de maio ás 12:00 horas, a Praza de Pascual Veiga será o escenario onde recordarán a obra da autora cun acto onde interpretarán o himno galego a cargo de Abiñadoira. Tamén farán entrega dos premios escolares do Concurso Picariños.
Finalmente, a partir das 19:00 horas, o grupo 'Onte e hoxe' ofrecerá un concerto que se emitirá polas redes sociais Facebook e Youtube. Ademais, a Secretaría xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2021 da Xunta de Galicia, achegará a actividade 'Xela Arias. Poeta nas marxes', consistente en proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira. Dirixidas a todos os públicos dende os 12 anos de idade, chegarán desde este mes a 30 concellos da Rede de Dinamización Lingüística, entre eles Sanxenxo.