Sustentabilidade, cambio climático, interactividade e igualdade, no stand da Deputación en Culturgal

Pontevedra
22 de outubro 2019

A presidenta da Deputación e a deputada de Cultura, Carmela Silva e Vicky Alonso, mantiveron este luns un encontro de traballo con representantes de 24 concellos da provincia para abordar cuestións relacionadas coa Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrará este ano entre o 29 de novembro e o 1 de decembro   

Reunión con concellos para organizar a participación da Deputación en Culturgal
Reunión con concellos para organizar a participación da Deputación en Culturgal / Deputación Provincial de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra e a deputada de Cultura, Carmela Silva e Vicky Alonso, mantiveron este luns un encontro de traballo con representantes de 24 concellos da provincia para abordar cuestións relacionadas coa Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrará este ano entre o 29 de novembro e o 1 de decembro.

Na reunión estiveron presentes representantes de municipios como Barro, Bueu, Cambados, O Grove, Marín, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova

Carmela Silva animou aos concellos a sumarse ao stand da Deputación de Pontevedra no evento, pois a institución provincial busca unha presenza "máis individualizada" dos concellos e está aberta a que os representantes municipais formulen a súa visión e propostas. 

A deputada de Cultura subliñou que o principal obxectivo da presenza da Deputación en Culturgal é ofertar unha viaxe pola cultura de Pontevedra, unha provincia "culturalmente moi rica". Por iso animan a todos os concellos a que se mergullen no proxecto e se lle poida sacar o máximo partido. "Entendemos esta feira como un medio da difusión das actividades culturais da provincia pero tamén pensamos que é unha oportunidade fantástica para dar a coñecer o traballo que desenvolvedes e para que collades ideas para implantar nos vosos concellos", indicou, referíndose aos representantes municipais.

Vicky Alonso destacou que pese a que este ano non está fixada a temática do stand da Deputación, farase fincapé en cuestións relacionadas coa sustentabilidade, o medio ambiente, o cambio climático, a interactividade, a accesibilidade e a igualdade.

En liñas xerais, no stand da Deputación terán cabida ciclos e xornadas de música, literatura, cine e teatro; feiras, exposicións e eventos culturais destacados; estudos e publicacións sobre algún tema cultural en concreto; e actividades, accións ou publicacións que recoñezan o labor dun persoeiro ou colectivo cultural. Os concellos terán a oportunidade de participar mediante vídeos preferentemente, pero tamén a través de publicacións e micropresentacións, todo en lingua galega. No último caso, a deputada provincial destacou que terán lugar en dúas quendas o sábado (de mañá e tarde) e, de non ter cabida todas, o domingo pola mañá. 

Os concellos terán ata o 11 de novembro para confirmar a súa asistencia a Culturgal. Antes do 18 de novembro deberán indicar o título do vídeo e o nome da actividade que se van presentar e terán ata o 25 de novembro para enviar o material que se vai divulgar no stand da Deputación.