Susana Seivane lembra na Ferrería as pezas populares que interpretaba desde o seu balcón

Pontevedra
16 de agosto 2021

Quen acudiu este domingo á Praza da Ferrería puideron gozar deste regreso ás raíces tradicionais coas que a artista emprendeu a súa carreira

Concerto de Susana Seivane
Concerto de Susana Seivane / Cristina Saiz

Durante o confinamento decretado polo Estado de Alarma houbo multitude de artistas que saíron ao rescate da cidadanía compartindo o seu bo facer. Este foi o caso de Susana Seivane que cada noite saía ao balcón dá súa casa de Pravio (Cambre) a tocar unha peza. 

Segundo explicou á xornalista Xiana Lastra (revistapincha.gal) a propia Susana Seivane "era o noso aplauso musical aos sanitarios, aos limpadores de hospitais, aos caixeiros, un berro de ánimo para os meus veciños". "Foi a mellor maneira que se me ocorreu para poñer un pouco de alegría ao que estabamos a vivir", dixo.

O público que acudiu este domingo á Praza da Ferrería puido gozar deste regreso ás raíces tradicionais coas que a artista emprendeu a súa carreira. 

"Dende o meu balcón" é o título do disco nado daquela experiencia e está formado por 55 temas populares agrupados en 20 suites que a artista interpretou durante as noites de confinamento do estado de alarma, e que foron transmitidas en directo a través das súas redes sociais oficiais. 

Así, na Ferrería soaron temas tan reconocibles como "A Carolina", "O Sancristán", "Pousa", que fixeron moi difícil ao públcio permaner sentado nas súas cadeiras.