Surfing the Lerez contra vento marea ou choiva

Pontevedra
22 de xuño 2022

O "contrafestival" da Illa das Esculturas arranca este xoves en Pontevedra cun cartel 100% galego e cun plan antichoiva a base de carpas nos escenarios e nas barras 

O cartel do ano 2022 do Surfing the Lérez inclúe representantes da música pontevedresa como Queco Lago
O cartel do ano 2022 do Surfing the Lérez inclúe representantes da música pontevedresa como Queco Lago / María Pol

"Moitos preguntades se a pesar do tempo o Surfing segue adiante e a resposta é claramente sí. Se o ceo non acompaña, non hai por que preocuparse, xa están montadas unhas carpas sobre os escenarios e as barras. O festival resiste. Desde cando os galegos temos medo á choiva?".

Con esta publicación no seu perfil oficial de Instagram a organización do Surfing  the Lérez despexa dunha plumada as dúbidas dos fans sobre unha posible suspensión dos concertos pola adversa previsión meteorolóxica para a fin de semana.

O festival comeza este xoves na contorna da Illa das Esculturas, que subirá o pano ás 17.30 horas coa actuación de Uncle Doc e The Homeboys e non os baixará ata pasada a medianoite do sábado co concerto de Terbutalina.

"O Surfing the Lérez é este ano o contrafestival", proclama Marcos Rivas, organizador do evento. E basea a súa definición no feito de que, a diferencia doutros eventos musicais de este estilo, o Surfing contará este ano cun cartel composto ao 100 % por músicos e grupos galegos.

Tras dous anos de parón, o festival pontevedrés retorna á Illa das Esculturas con varias novidades. A primeira, a xa sinalada de que todos os artistas sexan da comunidade. Ademais amplía a unha terceira data a súa celebración. O festival comezará o xoves 23 e rematará o sábado 25.

A entrada, coma sempre, será de balde, se ben os asistentes poden colaborar facendo na entrada unha achega voluntaria e solidaria de alimentos que serán entregados a redeaxuda.com.

O Surfing the Lérez diversifica este ano a súa proposta, abrindo os seus escenarios a estilos e artistas emerxentes que convivirán con algúns dos nomes senlleiros da música galega. A xornada do xoves, explica Marcos Rivas, está principalmente adicada "ao rollo máis urbano: ao reguetón, ao trap…".

A do venres "representa máis a tradición do que foi o Surfing", cun grande peso das propostas orientadas cara o rock and roll. ˝É unha mostra do que se fixo e do que se está a facer agora mesmo en Galicia".

O festival remata o sábado, en palabras do seu organizador, "cunha representación do que é a nova xeración musical galega, con propostas que van do rock ao garaxe, do rap ao trap".

PRESENZA PONTEVEDRESA

O Surfing de Lérez 2022 presta unha especial aos artistas pontevedreses. Serán moitos os que nestes tres días pasen pola Illa das Esculturas. Entre eles, os alumnos da Escola Bonobo, que o sábado contarán cun escenario adicado a eles.

Non é a única deferencia do Surfing coa cidade. "Queremos que o festival repercuta o máximo posible en Pontevedra", comenta Rivas. De aí que os concertos rematen á unha da madrugada (ás dúas o xoves), de xeito que a hostelería local se poida tamén beneficiar da importante afluencia de persoas que estes días chegan a Pontevedra atraídos polo festival.

Ademais dos concertos, o Surfing the Lérez contará tamén este ano cun escenario infantil, no que se desenvolverán actuacións musicais para os cativos, xogos interactivos, obradoiros e outras actividades lúdicas.