A temática elixida para a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dá para moito xogo. Sábeno ben na Asociación Socieducativa e Cultural Paspallás, encargada este ano da montaxe e decoración do Pazo da Cultura. Dez persoas traballan desde hai unha semana neste labor. E como non podía ser doutro xeito, a ciencia ficción será a protagonista de todo este ámbito do 27 de febrero ao 28 de marzo.
A montaxe, que está sendo coordinada por Begoña Paz e María Paz, directoras artísticas do traballo, toman como base emblemáticas películas de cine como 2001, unha odisea no espazo, Alien, o octavo pasaxeiro ou Star Wars.
Así, espellos, luces, probetas, embudes, tubos de ensaio, seres fantásticos, máquinas espaciais e moitas sorpresas están a xurdir pouco a pouco de cara a esta cita.
Begoña Paz, presidenta de Paspallás, asociación que se encarga da montaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dende hai unha década, recoñece que a temática deste ano, Da ciencia á ficción, resultou "un chisco máis complicada que a de edicións anteriores, porque non deixan de ser nenos, e algúns moi noviños, e hai algúns conceptos que se lles poden escapar".
Paspallás tivo en conta para o seu proxecto artístico que 2015 é o ano da luz, "polo que a empregaremos como elemento plástico para crear a ambientación".
O espazo no que quedará convertido nun par de semanas o Pazo da Cultura trasladará a grandes e pequenos ao interior dunha nave espacial, comezando por unha entrada na que se poderán teletransportar ata un laboratorio no que os nenos e nenas acharán a fórmula química de Orbil, pasando por un futurista identificador de persoas.
Polo de agora, a zona da merenda é a que está máis avanzada, explica Begoña Paz, que sinala que as cores que se están a utilizar para pintar unha fiestra xigante cara o espazo exterior son as mesmas do cartel oficial do XVI Salón do Libro.
"Este ano haberá moitas sorpresas e interviremos nun lugar no que nunca antes se fixera nada, pero que aínda non podemos desvelar", segundo a presidenta de Paspallás, que considera que o caleidoscopio e a estrutura de espellos para crear clons serán as que máis éxito teñan entre os asistentes.